As máis novas impulsan o feminismo nas comarcas da Mariña e Ortegal

A asociación feminista Pícaras, que poñerá o acento nas problemáticas da xuventude, fará a súa presentación pública o venres 7 en Viveiro

Integrantes de Pícaras na manifestación do pasado 25 de novembro en Ortigueira

O venres 7 de decembro a Biblioteca Municipal de Viveiro acollerá a presentación da asociación feminista Pícaras. Trátase do primeiro acto público dunha iniciativa na que veñen traballando un grupo de rapazas da Mariña e Ortegal no último ano.

A súa proposta pasa por abordar con perspectiva de xénero as problemáticas que afectan ás mulleres novas, especialmente nestas comarcas. As activistas miran estas situacións de fronte xa que son tamén mozas menores de trinta anos.

O colectivo pon o acento na precaridade laboral que afecta ás mulleres, que emigran destas bisbarras

Unha das grandes preocupacións do colectivo é a emigración das mulleres. O mercado laboral “expulsa” destas comarcas á xuventude e, en maior grado, a elas. “As únicas opcións para nos son traballos en sectores feminizados, con condicións especialmente precarias como a hostelaría ou os servizos de axuda a domicilio. A saída que nos queda é marchar, así que cada vez somos menos”, expón Antía Balseiro, unhas das catorce impulsoras de Pícaras.

IMPUNIDADE

O novo espazo feminista tamén abeira reflexións sobre a “maior impunidade” das agresións machistas en zonas rurais ou pequenas vilas. “En lugares pequenos, os agresores teñen sempre un círculo afectivo, laboral ou social que os protexe. Iso fai máis difícil que unha vitima denuncie”, argumentan desde o colectivo.

“Neste ano tamén nos sumamos a mobilizacións e campañas contra os ventres de aluguer ou a prostitución. Son formas de explotación que afectan sobre todo as mulleres máis novas en situación de pobreza”, continúa a activista, poñendo a mirada en problemáticas globais.

SENSIBILIDADE “LATENTE”

O núcleo de Pícaras, con rapazas de Ortigueira, O Barqueiro, O Vicedo e Viveiro, comezou a tomar forma a partir das mobilizacións do 25 de novembro de 2017.

“Nestes meses vimos observando que hai unha sensibilidade latente entre rapazas incluso máis novas ca nos, mozas de instituto, que están expresando nas redes sociais os seus posicionamentos feministas. Iso foi un impulso moi importante”, subliña Antía Balseiro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here