Viveiro acollerá a primeira residencia da Mariña para persoas con discapacidade intelectual

Ubicarase na sede da EOI, que pasará á escola vella de Celeiro, a rehabilitar nos próximos anos grazas a un convenio de 525.000 euros entre Concello, Deputación e Xunta

Presentación do proxecto, na escola vella de Celeiro. AXM

Viveiro acollerá a primeira residencia da Mariña Lucense para discapacitados intelectuais despois dun acordo institucional que permitirá habilitar o servizo onde ten a súa sede a Escola Oficial de Idiomas (EOI) Luz Pozo Garza, mentres que a EOI se traslada ao colexio vello de Celeiro, hoxe en desuso e que se rehabilitará con 525.000 euros.

A Asociación de Pais e Persoas Con Discapacidade Intelectual (Aspanane) impulsou o proxecto de rehabilitación da escola vella, que nos últimos 25 anos só utilizaron como almacén algunhas asociacións de Celeiro.

A residencia servirá para solventar a situación das persoas con discapacidade que poidan quedar desamparadas tralo falecemento dos familiares.

AMPARARÁ AOS DISCAPACITADOS QUE SOBREVIVAN AOS SEUS FAMILIARES: “MOITOS NON TEÑEN CALIDADE DE VIDA”

Hoxe a medicina prolonga a vida dos discapacitados intelectuais, sobreviven aos pais, e hai moitos casos nos que sen o apoio dunha residencia a calidade de vida é ínfima”, explica José Carrillo, directivo de Aspanane.

Ademais, permitirá á agrupación centralizar os seus servizos, pois no edificio de Lavandeiras onde se ubica a EOI atópase tamén o seu centro de día, que acolle a 18 usuarios, e preto o centro ocupacional, que dá servizo a 37 persoas.

Así, o centro de día xa ten instalados servizos de cociña, comedor, baños ou salas de ocio, e na parte de arriba do inmoble só habería que habilitar habitacións.

ASPANANE TEN UN CENTRO DE DÍA NO MESMO EDIFICIO ONDE SE UBICA A EOI, POLO QUE SÓ HABERÍA QUE dispór HABITACIÓNS

ARREDOR DE 25 PRAZAS

O proxecto presentado por Aspanane na sede actual da EOI contempla a creación dunhas 25 prazas, conforme á dispoñibilidade de espazo para ubicar os cuartos, aínda que non se trata dunha cifra pechada. Tampouco hai unha concreción por agora do orzamento que se precisará para poñer en marcha o servizo.

Aspanane, que conta con 224 socios, ofrece servizos a veciños do Vicedo, Ourol, Viveiro, Xove e Foz. A agrupación, na que traballan 20 profesionais, é un referente na atención de persoas con discapacidade intelectual.

Políticos, usuarios e directivos de Aspanane, dentro do colexio. AXM

“EMOCIÓN”

A presidenta do colectivo, Mercedes Varela, agradeceu a implicación das institucións e asegurou que “é o día máis feliz de sempre. Estou moi emocionada, vino moi difícil”, explicou.

ACORDO INSTITUCIONAL

A solución a esta carencia precisou da implicación de todas as administracións. Concello de Viveiro, Deputación de Lugo e Xunta de Galicia achegarán, cada unha delas, 175.000 euros para a rehabilitación da escola vella, que pasará a ser titularidade do Goberno galego e que permitirá ampliar a superficie da EOI de 659 a 1.215 metros cadrados, distribuídos en dúas plantas.

CADA ADMINISTRACIÓN ACHEGARÁ 175.000 EUROS PARA REPARAR O COLEXIO, SEN USO DESDE HAI 25 ANOS, E O GOBERNO CEDERÁ O INMOBLE Á XUNTA

Pero o pacto tamén implicou ao Instituto Social da Marina (ISM), que ten a propiedade do antigo colexio. A alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, asegura que a Subdelegación de Goberno xa contactou coa institución, que se comprometeu a que “non haberá ningún problema” para a cesión do inmoble á Xunta.

Por agora non hai un prazo concreto para a rehabilitación do inmoble, que se acometerá alomenos en dúas anualidades. O Concello de Viveiro poderá afrontar dese xeito un investimento de altura.

“ESFORZO DE TODOS”

Loureiro asegurou que “é un gran día” pois “acadamos unha residencia para toda a comarca. Levabamos anos cos pais buscando un sitio para facer realidade ese servizo. Demos co sitio ideal, cómodo e que abaratará custos, pero facía falta un acordo que se conseguiu”, explicou.

O ORZAMENTO DISPORASE NUN PAR DE ANUALIDADES, PARA QUE O CONCELLO POIDA AFRONTAR UN ESFORZO ECONÓMICO

A alcaldesa subliñou que o acordo “inclúe a todas as forzas políticas da corporación; PSOE, PP, non adscritos e Son Viveiro. Todos estiveron implicados neste proxecto”, remarcou.

A EOI SEGUIRÁ NO MUNICIPIO

O delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, resaltou que “o acordo institucional” implica tamén que, dado que o Goberno galego terá un edificio da súa titularidade en Celeiro, a EOI -que a administración autonómica tiña en concesión de uso ata 2075seguirá no municipio de Viveiro “se non para sempre, por moitos anos”, ao tempo que se “satisfacen uns fins sociais”.

A XUNTA expón QUE ADQUIRIR A TITULARIDADE DO EDIFICIO BLINDA A EOI EN VIVEIRO

Balseiro subliñou que as administracións implicadas traballaron de tal xeito que “prevaleceron os intereses da cidadanía”.

“ISTO SI É FACER POLÍTICA”

En semellantes termos se expresou o presidente da Deputación, Darío Campos, que expuxo que “hoxe é un día exemplar. Felicito a Aspanane e á alcaldesa, que pelexaron moito para que isto fose posible, e agradecemos á Xunta e ao Estado a colaboración. Isto si é facer política”, concluíu.

A EOI FORMA A 300 ESTUDANTES

Once profesionais e tres traballadores de servizos administrativos e limpeza traballan na EOI Luz Pozo Garza de Viveiro. No presente curso, segundo explicaron fontes da Xunta, a matrícula está preto dos 300 estudantes, que se forman en inglés, italiano, alemán e francés.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here