IniciosociedadeA Xunta admite que a medicalizada da Mariña dedicarase principalmente a traslados...

A Xunta admite que a medicalizada da Mariña dedicarase principalmente a traslados interhospitalarios

O conselleiro de Sanidade asegura aos alcaldes de Foz e Barreiros que a media de intervencións diarias da UVI móbil mariñá é de "dúas, por debaixo das doutras zonas de Galicia"

Publicada o

- Advertisement -

A Xunta de Galicia quere limitar a ambulancia medicalizada da Mariña Lucense, ubicada en Foz, a un servizo de traslados interhospitalarios que tamén atenderá algunhas doenzas tempodependentes, as que permita a dotación de tres profesionais -un Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES), un enfermeiro e un médico– que pretende aplicar tralo recorte dun dos dous TES da Unidade de Vixilancia Intensiva (UVI) móbil.

Así o confirmou aos alcaldes de Foz e Barreiros, os populares Javier Castiñeira e Alfonso Fuente Parga, que mantiveron este luns un encontro co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e mailo responsable do 061 Galicia, José Manuel Flores.

A Xunta asegura, segundo expón Castiñeira, que a media de intervencións da ambulancia medicalizada é de “dúas saídas diarias, moi pouco en comparación coas doutras áreas de Galicia. Por iso a Administración argumenta que cunha dotación de tres persoas será suficiente para cumprir a función que cre prioritaria”, indica o alcalde, que lembra que os obreiros insisten en que “o 70%” dos servizos prestados son primarios, non traslados interhospitalarios.

EMERXENCIAS SEN RESPOSTA

“Neste caso cremos que os números son secundarios, pois estamos a falar de que poida pasar unha emerxencia grave sen opción de resposta. Desconfiamos de que con menos persoal se poida facer o mesmo”, indica, para engadir que “este servizo funcionou sempre moi ben e estamos moi orgullosos del, polo que entendemos que é necesario continuar cos máximos recursos profesionais posibles”.

Castiñeira explica que a Xunta ofrece “unha argumentación xenérica” ao recorte dun técnico no servizo mariñao. “O conselleiro fai fincapé en que os novos contratos ofertados de transporte urxente sanitario terrestre contan co visto bo dos sindicatos e supoñen unha mellora no orzamento de once millóns, aínda que mentres que noutros sitios increméntase persoal, aquí perdémolo”, lamenta o alcalde focego.

Neste senso, o Executivo autonómico entende que a ubicación da Mariña Lucense nun “novo modelo” do transporte sanitario urxente terrestre, que dota de servizos intermedios á Costa de Lugo, O Salnés e Monforte de Lemos mentres que conserva a dotación completa de catro profesionais en zonas como Lugo, Ferrol ou Ourense, significa “que se certifica mantemento da ambulancia medicalizada”, pois a Administración sostén que cando se fixou en 2010 “tratábase dun proxecto piloto“.

ALEGACIÓNS

Castiñeira indica que os dous alcaldes levaron á xuntanza un texto coas reivindicacións dos traballadores. O rexedor focego admite que os representantes da Xunta “non comprometeron nada concreto”, aínda que si “prometeron estudar as alegacións que se presenten, dado que o concurso deste servizo está en período de información pública“.

Polo de agora, os Concellos de Foz e Barreiros non presentarán reclamacións aos pregos, expón Castiñeira, á espera de que os técnicos si fagan alegacións “seguramente con maior fundamento”. O rexedor focego demandou a implicación dos sindicatos, porque “aínda que o contrato a nivel galego é mellor, con mellores condicións laborais, A Mariña precisa deste servizo”.

A ASISTENCIAL, “24 HORAS EN VERÁN”

Tanto Castiñeira como Fuente Parga fixeron fincapé, expón o alcalde de Foz, na necesidade de que a ambulancia de soporte vital básico ubicada no municipio focego estea operativa “24 horas diarias durante o verán, polo menos“.

No 2011, a Xunta recurtou o horario útil da ambulancia asistencial de 24 a doce horas -de 10.00 a 22.00 horas-, e A Mariña Lucense reivindicou a necesidade da restitución do servizo completo para non desprazar constantemente aos profesionais de Ribadeo, Viveiro, Burela e Mondoñedo.

Castiñeira e Fuente Parga aseguran que durante a época estival “municipios como Foz ou Barreiros case triplican a poboación e polo tanto necesitamos máis recursos”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...