As primeiras xornadas de Historia de Cervo, o 19 e 20 de xullo, mesturarán charlas e saídas de campo

Participarán referentes historiográficos como Xoán Carmona Badía ou Lourenzo Fernández Prieto e visitaranse lugares como Sargadelos ou as fábricas de salgadura de San Cibrao

Presentación das xornadas. AXM

Escenarios como a casa do mar de San Cibrao ou o conxunto histórico-artístico de Sargadelos acollerán os días 19 e 20 de xullo actividades da primeira edición das xornadas de Historia ‘Cervo a carón do Patrimonio’, que mesturarán as charlas divulgativas e as saídas de campo

O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, a edil de cultura, Dolores García Caramés, o investigador e profesor da UNED, José María Leal, e o graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), Adrián Cao, presentaron o evento.

RELATORES

As xornadas contarán coa participación de relatores de primeiro nivel. Estarán o Catedrático de Historia das Institucións Económicas da USC, Xoán Carmona Badía; o doutor e profesor de Historia Contemporánea da USC, Lourenzo Fernández Prieto; o profesor da USC e investigador do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Carlos Andrés González Paz; a profesora de Ciencias Sociais da Xunta de Galicia, Herminia Pernas, ou a experta en xestión do Patrimonio Cultural, licenciada en Xeografía e Historia e conservadora do Museo Provincial de Lugo, Silvia Fiallega.

O profesor de filoloxía, escritor, poeta e dramaturgo, Paco Rivas; o conservador do Centro de Interpretación do Camiño de Mondoñedo e licenciado en Xeografía e Historia, Juan Ramón Fernández Pacios; o profesor da UNED e investigador do Grupo de Pesca da USC, José María Leal Bóveda; e o graduado en Historia da USC, Adrián Cao, tamén participarán nas xornadas.

CONFERENCIAS E ROTEIROS

O venres, 19 de xullo, ás 10.00 horas, está prevista a inauguración das xornadas; e ao longo dese día haberá charlas divulgativas complementadas con diferentes roteiros por San Cibrao; con escenarios como a ponte románica, o Museo do Mar, as antigas fábricas de salgadura ou o Faro sancibrense.

O domingo, 20 de xullo, tamén están previstas diferentes relatorios con saídas de campo que permitirán aos participantes a coñecer a historia do Complexo Industrial de Sargadelos. Ese mesmo día, ás 20.00 horas, será a clausura das xornadas.

A INSCRICIÓN, DE BALDE

As charlas, que son gratuítas, están dirixidas a todas as persoas que teñan curiosidade pola nosa historia e desexen enriquecer os seus coñecementos sobre o noso Patrimonio.

Os interesados poden inscribirse e recibir información no teléfono 982.59.51.57 ou no correo casadacultura@concellodecervo.com.

“TODAS AS ÉPOCAS HISTÓRICAS”

Leal salientou que nas xornadas “abarcaremos todas as épocas históricas relacionadas co noso territorio, dende o desenvolvemento dos portos na Idade Media ata a conflitividade social, sen esquecer a historia do Complexo Industrial de Sargadelos, a visión da muller e os traballos que desempeñou na sociedade mariñeira; os ataques corsarios nas nosas costas e as defensas litorais; ou a fraseoloxía mariñeira, entre outras temáticas”.

Caramés apuntou “estas xornadas nacen co obxectivo de consolidarse no tempo, pretendemos que sexa unha data marcada no calendario, que nos permita sumerxirnos en interesantes etapas da nosa historia que descoñecemos”.

Villares, pola súa banda, explicou que “vemos nesta colaboración unha oportunidade única para poñer en valor todos todo ese rico patrimonio, de sacalo á luz para que que toda a veciñanza poida entrar tamén en contacto co noso pasado”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here