Concello e Xunta atribúense mutuamente a responsabilidade de decidir que obra facer en Xunqueira

Augas de Galicia "agarda desde marzo" unha decisión do goberno local, mentres que a alcaldesa lembra que as forzas da corporación instaron ao ente autonómico a resolver a mellor opción

Visita da Conselleira Ethel Vázquez a Xunqueira trala riada. AXM

A situación do barrio de Xunqueira, que o pasado 18 de novembro foi asulagado por unha riada que provocou a morte dunha veciña e o desaloxo dunhas 40 familias, ademais de danos materiais por decenas de miles de euros, enfrontou de novo ao Concello de Viveiro e á Xunta de Galicia, que se atribúen mutuamente a responsabilidade de decidir que obra facer para evitar unha nova inundación.

O pasado xoves, o delegado territorial do Goberno galego, José Manuel Balseiro, asegurou que a Consellería de Infraestruturas “espera desde mediados de marzo” a que o Concello responda á proposta trasladada a través de Augas de Galicia para cofinanciar as obras que son necesarias para previr o impacto de futuras riadas na zona de Xunqueira.

Balseiro afirmou que “se a alcaldesa”, a socialista María Loureiro, “non actúa”, será “responsable do que pase nese barrio a próxima vez que teña lugar un episodio similar de chuvias torrenciais” ao que provocou a última riada.

O delegado territorial da Xunta sostivo que a rexedora “leva todo este tempo calada” e instou ao goberno local “a tomarse este asunto en serio“. Tamén urxiu á Deputación de Lugo a posicionarse.

TRES ALTERNATIVAS

O representante do Executivo autonómico na provincia de Lugo expón que, nun documento do pasado 24 de abril, a directora de Augas de Galicia urxe ao goberno local a tomar unha decisión sobre algunha das tres alternativas presentadas no informe hidrográfico, e manifesta a súa intención de “colaborar no desenvolvemento das actuacións”.

Entre as opcións expostas por Augas de Galicia, unha delas -a mellor valorada desde o punto de vista técnico- pasa por ampliar a sección do río e habilitar un paso peonil para que os veciños accedan ás súas casas. Os custos oscilan entre os 436.000 e os 505.000 euros.

NEGATIVA DA VECIÑANZA

Loureiro, pola súa banda, responde que o delegado territorial da Xunta “minte descaradamente”. A rexedora sinala que “entre todos os voceiros das forzas políticas da corporación, incluído o Partido Popular (PP), e coa axuda dos técnicos municipais, acordamos enviar un escrito a Augas de Galicia para que foran eles os que decidiran que opción era a máis viable, posto que foron os seus especialistas os que redactaron dito informe”.

A alcaldesa engade que o texto incidía “na necesidade de contar coa opinión da veciñanza para tomar a decisión final”. Neste senso, sinala que os veciños “trasladáronnos a súa negativa porque as actuacións lles deixarían pouca marxe de espazo dende o río ás súas casas“.

FINANCIAMENTO

Loureiro afirma que “no informe hidrográfico, a Xunta en ningún momento manifestou o interese de colaborar economicamente co proxecto. Agora ao parecer estaría disposta a destinar o 33% do total”, sostén.

Aledámonos, pero danos a sensación de que se trata doutra promesa electoral“, conclúe Loureiro, para rematar que “dende o Concello e a Deputación sempre colaboramos con medios técnicos e humanos, así como con 80.000 euros do organismo provincial para acondicionar un muro“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here