InicioPolítica26-m: o PSOE de Trabada acusa ao PP de "aproveitarse" dos usuarios...

26-m: o PSOE de Trabada acusa ao PP de “aproveitarse” dos usuarios da residencia

A rexedora e candidata socialista critica que mentres que os populares denunciaron na Xunta Electoral unhas xornadas de portas abertas, foron "facer campaña" ao xeriátrico

Publicada o

- Advertisement -

A suposta utilización da residencia de Trabada e dos seus usuarios como arma electoral motivou unha polémica no último día de campaña para as eleccións municipais entre os dous partidos que concorren aos comicios locais no municipio, PSdeG-PSOE e PP.

Tras admitir a Xunta Electoral a denuncia por parte dos conservadores contra unhas xornadas de portas abertas no xeriátrico programadas polo Concello, a alcaldesa e candidata socialista, Mayra García Bermúdez, criticou este venres “a sen vergoña do Partido Popular que repartiron sobres con votos nas instalacións da residencia mentres nos levaron ao xulgado para evitar que a puxésemos en marcha”.

García Bermúdez lamenta que os populares “foron nesta mesma semana a facer campaña á residencia dos maiores cando nunca apoiaron a posta en marcha desta dotación social, e polo tanto déronlle as costas aos veciños que están alí recibindo atención profesional, tentando aproveitarse deles”. A rexedora e alcaldable socialista lembra que o PP e o deputado non adscrito Manuel Martínez tentaron paralizar o servizo cun contencioso rexeitado pola Xustiza.

O candidato do PP, José María Fernández, argumentou que “este municipio ten residencia grazas á xestión realizada por un alcalde do Partido Popular”, en referencia ao convenio asinado no 2011 polo anterior rexedor, José Manuel Yanes Ginzo, co ex presidente da Deputación, José Manuel Gómez Besteiro, “co que se abriu o proceso de construción de dito centro”.

VIA ALFOZ

A candidatura de Veciños Independentes por Alfoz (VIA), que encabeza Xabier Pardiñas,  pechou a campaña electoral cun “agradecemento a toda á veciñanza pola boa acollida que mostraron respecto ás nosas propostas”.

Peche de campaña de VIA. AXM

Os independentes fan así “un balance positivo da campaña”, indicando que “os veciños entenderon a nosa mensaxe polo que lles pedimos que nos dean a súa confianza para ter a oportunidade de liderar o futuro de Alfoz”.

BNG VIVEIRO

O BNG de Viveiro parabenízase pola aprobación no Pleno da Deputación dunha moción dos nacionalistas solicitando terceiro xulgado de primera instancia e instrucción para o concello. O terceiro xulgado para Viveiro -que atende a 45.000 habitantes do Vicedo, Ourol, Viveiro, Xove, Cervo, Burela e Foz– “permitirá desconxestionar a Xustiza e é unha ferramenta imprescindible na loita contra a violencia machista”.

O partido frontista tamén expuxo unha última pílula do seu programa, coa inclusión do servizo de madrugadores nos colexios do municipio.

PSOE DE FOZ

Entre todos imos conseguir que haxa de novo un goberno socialista que defenda os intereses dos veciños de Foz”, asegurou o candidato do PSOE á alcaldía do municipio, Francisco Cajoto. Así o sostivo no mitin celebrado este venres, no que estivo arroupado polo Senador César Mogo.

Mitin de peche de campaña do PSOE de Foz. AXM

POR VIVEIRO

semipeatonalización da travesía da Mariña, creación do carril bici, a posta en marcha da casa da Cultura e Xuventude e a creación dun foro económico  multisectorial para analizar e impulsar medidas para a captación de novas empresas foron algunhas das propostas formuladas polo partido independente Por Viveiro, que encabeza Bernardo Fraga, no seu acto de peche de campaña.

Acto de Por Viveiro. AXM

PP DE RIBADEO

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Ribadeo, Daniel Vega, reclama ao rexedor e alcaldable nacionalista, Fernando Suárez Barcia, que explique por que o Concello ribadense renuncia a subvencións da Xunta de Galicia e que pida perdón por insultar a outros cabezas de lista.

Lamentamos que o señor Suárez Barcia falte á verdade porque nós explicamos con moita claridade que por parte do Concello de Ribadeo se pediu unha subvención para arranxar a rúa Pintor Fierros, que eu creo que é sumamente necesario, e sorpréndenos que se renuncie a unha subvención para pedir non sei que para volver pedir outra subvención; é dicir, seguir acudindo a un discurso de buscar un inimigo permanente para alimentar un propio ego desmedido do alcalde”, manifestou Vega.

CxG FOZ

O alcaldable de Compromiso por Galicia (CxG) Foz afirma que “uns dos obxectivos mais marcados da nosa candidatura é actuar sobre o ámbito industrial e laboral de Foz. Pretendemos establecer xa as bases dunha alternativa firme que nos faga depender menos de Alcoa e do turismo”, explica.

Nese sentido, Damián Sánchez expón que “o eixo do noso proxecto será una posta en valor do polígono industrial de Fazouro, no cal pretendemos habilitar a nave do Concello para que sirva de viveiro de empresas“. Así, compromete estancias “dedicadas a ‘coworking’, nas cales daremos a oportunidade aos emprendedores da zona de dispor dunhas oficinas para establecer o seu lugar de traballo por un módico prezo de aluguer, no que se crearán sinerxias entre diferentes profesionais co obxectivo de que nazan novas empresas que ocupen chan baleiro no polígono”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...