“A ría está a sacar a Magdalena a flote”

Arqueólogos tentan "eternizar" cunha fotogrametría a fragata afundida en Viveiro no 1810, que cada vez queda máis ao descuberto polo trasvase natural de area

Restos da Magdalena. RTVE

O Equipo de Patrimonio Sumerxido para o Norte (EPASUNO) da Federación Española de Actividades Subacuáticas (FEDAS) iniciou o pasado martes as primeiras inmersións nunha nova fase de investigación sobre a fragata Santa María Magdalena, na que os investigadores aspiran a realizar unha fotogrametría do pecio e tamén a atopar outras naves afundidas da armada, como o bergantín El Palomo.

O sorprendente para os arqueólogos submariños nestes primeiros días de traballo é que a actividade da ría está a sacar a flote ao barco, duns 42 metros de eslora. Os investigadores constatan que está a producirse un trasvase de area constante, similar ao que acontece na praia de Covas, que está deixar paulatinamente a descuberto a Magdalena.

CINCO CUADERNAS Á VISTA

“Cada vez se ve unha parte do xacemento meirande da que había”, expón o arqueólogo Antón López, responsable da área de patrimonio sumerxido do Fedas, que precisa que “na anterior investigación puidemos ver dúas cuadernas do barco, mentres que nestes días observamos ata cinco“.

Significa isto que o xacemento está así peor conservado? “Está claro que canta máis area mellor protexido está un pecio”, indica López, que non obstante sinala que o seu estado é “mellor do previsto” polos técnicos en base á documentación coa que contaban de partida. “Foi unha nave expoliada continuamente“, lembra, para remarcar a necesidade de “sondeos sistemáticos” para coñecer o verdadeiro alcance do xacemento e o seu estado de conservación.

Con todo, o especialista sinala que unha das singularidades que distingue ao sitio arqueolóxico, pola súa ubicación, é a súa fraxilidade. “Está nunha zona que denominamos de ola activa, de cero a trece metros de fondura, polo que está exposto tanto á acción da auga como aos saqueos“, precisa.

FERRAMENTA DE COÑECEMENTO

Así, a intención dos investigadores coa fotogrametría é preservar o xacemento cunha técnica que permite obter unha imaxe de resolución milimétrica en tres dimensións, a fin de que no futuro os especialistas non precisen meterse na auga ou depender da conservación do pecio para poder estudalo en profundidade.

Trátase dunha técnica que capturará unha imaxe en 360% da fragata, que se poderá imprimir e mesmo reproducir. Deste xeito, “eternizarase” a fragata Magdalena e proporcionarase unha ferramenta imprescindible para o seu coñecemento ante a sensibilidade propia do xacemento.

Á PROCURA DOUTROS BARCOS

Na vindeira semana, faranse prospeccións á procura “do resto dos barcos da escadra”, indica López. Neste senso, tanto os estudos da Xunta de Galicia como as fontes documentais británicas permiten confirmar, con pouca marxe de erro, onde se atopa o bergantín Palomo.

Máis dúbidas hai sobre outras embarcacións, cunha eslora entre os 15 e os 22 metros. “Sabemos que se contaba cunha fragata mercante e tres bergantíns mercantes, e tamén obuseiras, pero non coñecemos cales se afundiron nin cantas porque a documentación non o aclara”, expón López.

Os mergullos continuarán a semana que vén. AXM

Segundo explica o técnico, durante as semanas que durará a intervención arqueolóxica, a Armada enviará a Viveiro un equipo da Unidade de Buceo de Ferrol e, cando comece a fase da busca, reforzará os traballos dos arqueólogos cunha sonda multifaz que permitirá facer un rastreo en 3D desde a superficie aos fondos da ría. Isto permitirá ampliar a extensión da superficie a prospectar.

A investigación é pois o esforzo dun equipo no que tamén colaboran Concello de Viveiro, a empresa Monumetría, o Seminario de Estudos Terra de Viveiro e a Armada Española.

EXEMPLO DE CONSTRUCIÓN NAVAL FRANCESA

Se a fraxilidade distingue ao pecio, a outra peculiaridade que presenta a fragata María Magdalena e que aumenta o seu valor arqueolóxico é a súa singularidade construtiva. A nave foi levantada en Ferrol no 1773, nun intre no que a construción naval daba un xiro.

“Os barcos adoecían de estabilidade e a María Magdalena concebiuse cun sistema de construción francés, que por primeira vez se implantaba no reino de España“, sinala López. A fragata afundida en Viveiro foi así “o modelo” a partir do que se construíron as naves da época, indica o arqueólogo, que subliña que “nunca se estudou un barco español de construción francesa“.

Equipo da Fedas e da Armada, con López, segundo pola dereita. AXM

MÁIS DE 500 MORTOS

Afundida no 1810, durante a guerra contra os franceses, por mor dunha galerna e cun saldo de 480 mortos -calcúlase que tamén faleceron 70 tripulantes do Palomo-, a María Magdalena deu pé a mitos e lendas.

Máis de 200 anos despois, segue a espertar curiosidade. Parte dos seus restos, restaurados, están no depósito do Museo Naval de Ferrol, pero o que queda baixo a auga supón un tesouro. Os arqueólogos citados en Viveiro tentan estes días saber cal é o verdadeiro valor da alcancía.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here