Un goberno de coalición co BNG mantería ao PSOE á fronte da Deputación

O PP mantense con doce deputados e queda a un da maioría absoluta, mentres que o PSOE queda con dez e o BNG alcanza os tres representantes

Antonio Veiga, do BNG, Álvaro Santos, do PSdeG, e mailo secretario Manuel Castiñeira. ÓSCAR BERNÁRDEZ

Os resultados das eleccións do pasado 26 de maio deixaron poucos cambios no que se refire á composición da corporación provincial. Un pacto entre PSdeG-PSOE e BNG consolidaría o goberno dos socialistas na Deputación de Lugo.

O Partido Popular (PP) segue a acumular, de novo con doce, o maior número de deputados provinciais, a un da maioría absoluta. Unha cifra que probablemente non lle bastará para recuperar o mando da Deputación.

Os socialistas mantéñense con dez representantes. Comezaran o mandato con once pero as discrepancias con Manolo Martínez levaron á expulsión do alcalde de Becerreá, que exerceu como deputado non adscrito. Malia fundar unha formación política, Galicia Sempre, a fin de que entrar na corporación provincial, o polémico político lucense quedou moi lonxe de poder cumprir este obxectivo.

O posto que deixa vacante Martínez ocuparao un deputado do Bloque, que pasa de dous a tres representantes e terá a chave de goberno.

No Partido Xudicial de Mondoñedo, onde se ubican os 16 municipios da Mariña Lucense máis Abadín e A Pastoriza, mantense a mesma representación ca no 2015: tres deputados para o PP, dous para o PSOE e un para o BNG.

No tocante ao Partido Xudicial de Lugo, o PP mantén os seis deputados, mentres que o PSOE perde un -terá catro- que gaña o BNG -que sube a dous-.

En canto ao Partido Xudicial de Monforte de Lemos, os dous grandes partidos a nivel estatal empatan a un deputado, tal e como fixeran en 2015.

200 VOTOS MARCAN A DIFERENZA

No Partido Xudicial da Fonsagrada, o PSOE rabuñou de novo o único representante desta circunscrición, que xa fora decisivo en 2015 para impulsar aos socialistas. Nesta ocasión, fíxoo por menos de 200 votos.

No Partido Xudicial de Vilalba, tamén houbo igualdade: socialistas e populares quitan un deputado provincial, tal e como fixeran nos anteriores comicios locais.

Finalmente, no Partido Xudicial de Chantada, os resultados foron tamén un calco dos de 2015, cun representante para cada un dos grandes partidos tradicionais a nivel do Estado.

CANDIA: “GAÑAMOS NA PROVINCIA”

Aínda que seguramente non poderá gobernar, porque un hipotético pacto entre PSOE e BNG deixa aos populares ás portas da maioría necesaria na Deputación, a presidenta provincial dos populares, Elena Candia, asegurou que “ninguén pode negar” que a formación conservadora “gañou en Lugo“.

“Temos doce dos 25 deputados na Deputación e superamos por 12.787 votos ao PSOE”, subliñou, para concluír que malia que, “a partir de aquí ábrese un escenario que o tempo irá clarificando”, o PP foi “a forza política preferida para os lucenses”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here