IniciosociedadeUnha guía sintetiza as Rutas de Artesanía, que mostran A Mariña "dun...

Unha guía sintetiza as Rutas de Artesanía, que mostran A Mariña “dun xeito diferente”

A Mancomunidade publicará 13.000 exemplares do plano, que explica os seis percorridos e o traballo dos dez artesáns, ademais de informar sobre a contorna e a gastronomía da zona

Publicada o

- Advertisement -

A Mancomunidade de Municipios da Mariña presentou este venres no Cenima de en Foz a guía das Rutas de Artesanía, da que se editaron 13.000 exemplares en tres idiomas: galego, español e inglés. 

As guías serán distribuídas, xunto ao resto da cartelería, polas oficinas de turismo e os puntos de información turística da zona. A publicación recolle seis percorridos que inclúen visitas a dez artesáns e tamén á súa contorna. 

Esta inciativa, ademais das xornadas de portas abertas que comezan esta fin de semana, realízanse con cargo ao convenio asinado coa Axenda de Turismo de Galicia.

SETE CONCELLOS

A guía que se presentada este venres explica en que consisten as Rutas de Artesanía e despois recolle os seis percorridos propostos por Viveiro (con Regal Cerámica e Miriam Viveiro), por Foz (con Espazo Caritel), por Cervo (con asteleiros Fra), por Burela (coas redeiras), por A Pontenova e Riotorto (cos ferreiros) e por Mondoñedo (con As Formas da Terra e O Canteiro).

Ademais, a guía tamén recolle outras propostas para coñecer a súa contorna e introduce ao lector na gastronomía da zona. Na súa exposición, o impulsor da iniciativa, Boris Vilar, aludiu á importancia que ten a artesanía nesta comarca, “á que hai que coidar moito”, e ao potencial da Mariña lucense “como unidade e xeodestino”.

“HABERÁ MÁIS ITINERARIOS”

Pola súa banda, o presidente da mancomunidade, Alfredo Llano, lembrou que a ruta dos artesáns foi finalista no 2016 nun concurso a nivel estatal convocado polo Ministerio de Traballo. Así, o que se fixo este ano foi “completar e perfeccionar e darlle outra forma máis realista”.

Llano salientou que “agora hai seis rutas de artesáns, pero vai haber máis. Vaise completar porque na Mariña temos moita xente traballando en aspectos moi diversos, polo tanto vai seguir medrando, pero esta é a base”. 

O presidente do colectivo de municipios mariñao remarca que “unha das novidades que a min me gusta máis este ano é que cando vas visitar a un artesán, vaiche dicir como traballa, que materiais utiliza, que produtos saca e iso move a economía e a cultura”.

“MOSTRA TERRITORIOS MENOS EXPLORADOS”

Pedro Fraga, da empresa Mariña Activa, mostrou o seu agradecemento “á Mancomunidade e á Xunta de Galicia, que depositaron a confianza en nós para algo tan importante”. Tamén participaron no evento o alcalde de Foz en funcións, Javier Castiñeira, a xerente da Mancomunidade, Tania Hermida, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, entre outras autoridades.

Balseiro, por último, remarcou que as Rutas de Artesanía son un produto turístico “que convida a percorrer a comarca cunha ollada diferente“.

O delegado territorial da xunta aplaudiu que se potencie este produto, que “amplía a oferta turística da comarca cara a territorios menos explorados, tanto desde unha perspectiva xeográfica como temática“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...