IniciosociedadeNovo pide "flexibilidade" á Xunta tras quedar O Vicedo sen socorristas para...

Novo pide “flexibilidade” á Xunta tras quedar O Vicedo sen socorristas para este verán

O alcalde, o popular Jesús Novo, explica que só acadaron un vixilante tras tres convocatorias e suxire que se rebaixe a esixencia formativa "distinguindo entre socorristas e axudantes"

Publicada o

- Advertisement -

O servizo de socorrismo segue a dar quebradeiros de cabeza aos gobernos locais na Mariña Lucense. O Concello do Vicedo renunciará ás dúas bandeiras azuis obtidas para este verán, nos areais de Xilloi e Abrela, esta última recuperada este mesmo ano, ao non conseguir socorristas suficientes para este período estival. Así pois, ningunha das praias do municipio vicedense, caracterizado polo seu atractivo turístico, terá vixilancia.

O alcalde do Vicedo, o popular Jesús Novo, explica que o executivo municipal precisaba seis profesionais para cubrir os dous areais con bandeira azul, ou alomenos tres para abrir algún deles, pero só obtivo un socorrista tras presentar ata tres convocatorias.

TRES CONVOCATORIAS EN BALDE

O goberno local pediu á Xunta de Galicia, que custeaba seis vixilantes, unha prórroga ata o pasado 15 de xullo para tentar cubrir os postos, pero finalmente non serviu para dispoñer do servizo.

Novo subliña que as condicións laborais ofrecidas foron as mellores posibles na medida das posibilidades do Concello, dado que “aumentamos a oferta un mes máis dos dous que custea a Xunta”, e que o soldo, “incluíndo as pagas extras, rondaba os 1.100 euros líquidos mensuais“.

“HAI MENOS XENTE E MÁIS ESIXENCIA”

O rexedor atribúe esta situación á despoboación do municipio, porque “a xente de Burela, Xove ou Viveiro prefire traballar no seu concello”, e sobre todo aos requisitos que esixe o Goberno galego para optar aos postos. “Hai menos xente e máis esixencia; iso non pode ser”, sostén.

“A XUNTA ESTÁ PREOCUPADA E CÓNSTAME, PERO A SOLUCIÓN NON VAN SER BOLSAS CANDO NON TEMOS ASPIRANTES”, SINALA NOVO

Novo explica que falou con representantes do Executivo autonómico “sobre este tema” e que “hai unha fonda preocupación”, pero interpreta que a Xunta erra no diagnose. “Estase a falar de realizar bolsas, e non serviría de moito porque non hai aspirantes”, argumenta.

Así, o rexedor propón que se potencie a formaciónou que se distinga entre socorristas –coa titulación requerida, de ata 400 horas- e axudantes, para tentar atraer a aquelas persoas que carezan do título.

FOZ TAMÉN RENUNCIOU

O Vicedo non é o único concello que renuncia aos certificados de cualidade, dado que Foz tamén renunciou ás bandeiras azuis. O goberno focego, que contratou a doce socorristas, optou por reorganizar o servizo para garantir vixilancia en todas as praias antes de conservar os galardóns para Areoura, Llas, As Polas e A Rapadoira. Informa Ramón González Rey.

BURELA, CON DÚAS VACANTES

Burela afrontará alomenos o mes de xullo con oito dos dez socorristas que prevía contratar, despois de que a convocatoria pública para cubrir as dúas últimas vacantes se pechase sen aspirantes.

O BLOQUE CRITICA A XESTIÓN DO CONCELLO

A situación suscitou as críticas do BNG, que acusou ao executivo municipal en función de facer “unha xestión nefasta”. Os nacionalistas aféanlle ao alcalde, Alfredo Llano, “faltar ao seu compromiso” de contratar dez vixilantes cando “hai profesionais de Burela que traballan noutros concellos”.

O voceiro da formación, Mario Pillado, atribúe a situación “á incerteza e lentitude nos procesos de selección” que, sostén, “xeran unha total desconfianza nas persoas interesadas”.

o bng burelao ASEGURA que hai solicitantes rexeitados por presentarse fóra de prazo cando hai prazas sen cubrir

Neste senso, Pillado expuxo o caso dunha persoa “que tras entregar a documentación para optar a un deses dous postos quedou fóra da lista de admitidos por presentarse fóra de prazo”.

“Trátase dunha resposta inadmisible para quen a recibe e para a veciñanza en xeral cando as prazas están sen cubrir, porque se perde a oportunidade de mellorar o servizo”, considerou Pillado.

Llano, pola súa banda, explicou que “as convocatorias públicas de emprego teñen unha serie de requerimentos, tamén relativos aos prazos de solicitude, que han de cumprirse”.

Con todo, o rexedor adiantou que o vindeiro 31 de xullo se contratará unha persoa para cubrir a baixa dun dos socorristas e que, “se hai demanda”, se volverán sacar a concurso as dúas vacantes.

CURSOS DE FORMACIÓN

Llano adiantou que proporá a Mancomunidade de Concellos da Mariña -entidade que preside- organizar, de cara ao ano que vén, cursos de formación na comarca coa intención de facilitar ás mozas e mozos de comarca que obteñan a titulación requerida.

“Se non atallamos o problema, o ano que ven será peor. Non podemos permitir este déficit de socorristas cando estamos apostando polo impulso do turismo“, concluíu.

Informa Vanesa Gómez Lourido.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...