Non saír correndo ou non pararse detrás do autobús, consellos da Policía Local ao alumnado de Viveiro

A cidade do Landro, onde no pasado setembro un autocar atropelou a dúas estudantes, acolle unha campaña de control do transporte escolar

Campaña de transporte escolar en Viveiro. AXM

Viveiro é o escenario esta semana dunha campaña de control do transporte escolar, dentro do acordo de colaboración que mantén coa Xefatura Provincial de Tráfico e coa colaboración da Policía Local.

Ao longo da semana, a Policía Local establece controis en diferentes puntos dentro dos itinerarios dos transportes escolares dos centros educativos do municipio.

Os axentes inspeccionan varios aspectos relativos aos condutores, como probas de alcolemia e permisos de condución, e relativos aos vehículos, como autorizacións administrativas, ITV, seguros obrigatorios e medidas de seguridade no transporte, así como se contan con acompañante ou guía.

“Tamén se fai fincapé no uso do cinto de seguridade de todos os ocupantes do transporte, así como que cada menor dispoña da súa praza de asento”, informa Senén Pico Campos, xefe da Policía Local.

Paralelamente a esta campaña, os axentes supervisan o uso das prazas reservadas para autobuses, os pasos de peóns, e en xeral o bo funcionamento da circulación nas zonas escolares.

Os axentes dan tamén consellos aos peóns para non pararse nunca detrás do autobús porque non os ven, non distraerse co uso do móbil á hora de cruzar a calzada, esperar o sinal do condutor e cruzar sempre polo menos tres metros por diante.

“Dentro do autobús, hai que manterse sentado e co cinto posto, non correr ao chegar, nin ao saír, e obedecer ao condutor e ao monitor”, engade Pico.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destaca “a importancia deste tipo de campañas de control e prevención para evitar accidentes, sobre todo nun tema tan sensible como é o transporte de menores”. No pasado mes de setembro, dúas rapazas foron atropeladas polo autobús escolar na propia Cidade do Landro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here