Viveiro albergará unha concentración de case 120 autocaravanas

O Concello resalta que se trata dun tipo de turismo "en auxe" e destaca que se habilitou unha área para estes vehículos na zona do pavillón

Concentración de autocaravanas (imaxe de arquivo). TURISMO DE GALICIA

O Concello de Viveiro acolle desde este venres 14, e ata o domingo, unha concentración de autocaravanas. A concentración, organizada pola Asociación Galega de Autocaravanas en colaboración co goberno local, ten inscritos 115 vehículos.

Os participantes chegarán a Viveiro ao longo da xornada do venres e vanse instalar na extensión do pavillón municipal, onde está ubicada a área para autocaravanas que o concello habilitou o ano pasado, e ao longo do paseo marítimo.

O sábado, ás 10.30 horas, farase unha pequena recepción dos participantes por parte da alcaldesa, María Loureiro, e da concelleira de Turismo, Marisol Rey. “Cada vez son máis as persoas que optan por comprar ou alquilar autocaravanas para as súas vacacións e visitas, polo que estamos moi satisfeitas de que elixiran Viveiro para pasar uns días, temos moito que ofrecerlles”, afirma a alcaldesa.

ASEMBLEA DA AGRUPACIÓN

Os participantes realizarán o sábado visitas ao mirador de San Roque, rutas de senderismo pola beira do río Landro e visitas guiadas polo casco antigo.

Pola tarde, os nenos asistirán á obra de teatro infantil ‘A fraga do meu avó’, de Mamá Cabra. O domingo, a Asociación Galega de Autocaravanas celebrará no Teatro Pastor Díaz a súa Asemblea Xeral Ordinaria.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here