InicioCulturaVizoso e os 50 anos de Sargadelos: "estabamos moi ben, non había...

Vizoso e os 50 anos de Sargadelos: “estabamos moi ben, non había maneira de amargarse na fábrica”

O Xornal da Mariña inicia unha serie xornalística con motivo do cincuenta aniversario da factoría de cerámica de Cervo, que comeza cunha entrevista ao deseñador mindoniense

Publicada o

- Advertisement -

O Xornal da Mariña inicia unha serie xornalística con motivo do 50 aniversario da fábrica de cerámica de Sargadelos en Cervo, que se inaugurou o 10 de maio de 1970. A primeira das pezas é unha entrevista con Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950), un dos protagonistas dunha industria cerámica que da man de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane soubo crear unha iconografía de Galicia, sintetizar a súa historia e todo un acervo cultural -labregas e mariñeiros, músicos e mestras, escritores e poetas, animais e árbores- en pezas que utilizamos para comer, tomar café ou outros usos do día a día.

Cartelista, ilustrador e deseñador de Sargadelos durante máis de catro décadas, este mindoniense –Fillo Predilecto do municipio- e cervense de adopción responde ao teléfono desde Brión, onde reside. Ao empezar a conversa, pregúntolle se tiña en mente a data, os 50 anos que se cumpren da estrea da fábrica. Como non vai lembrarse…

OS COMEZOS

A inauguración de Sargadelos foi unha festa.

Había moitísima xente. Houbo polbo para comer, pero veu moita xente de Deus e paparon todo (risas). Os obreiros da fábrica do Castro tiveron que ir comer ás casas da xente de aquí. Foi un pouco caótico. E tamén se levaron pezas, porque había cafeteiras e cuncas para botar o viño. Inaugurouse ese día o mural do cabalo deseñado por Seoane en homenaxe a Raimundo Ibáñez, que foi -cos do comedor- das primeiras cousas que eu fixen en Sargadelos. Houbo misa á unha da tarde e o crego foi Chao Espiña. Foramos a buscar uns toxos en flor para facer un altar. Había moitísima xente coñecida, veu o profesor meu do instituto, Juan Puchades, que veu desde Mondoñedo.

“o día da apertura había moitísima xente. tanta que había petiscos e os obreiros do castro tiveron que comer nas casas dos de aquí”

No 70 só había a planta circular, que foi o primeiro que se inaugurou, que fixo Albalat. O complexo foise completando nos 70 e 80 incluso.

Imaxe da inauguración de Sargadelos. Vizoso está arriba á dereita de todo. CEDIDA XOSÉ VIZOSO

Cal foi o primeiro equipo de Sargadelos?

Esther Segurado levaba toda a cuestión administrativa. Manola Segurado veu para decoración, Fina Santos, elas foron as primeiriñas de todo. Rafael de Cándido era o encargado, Suso Pereira nos fornos, Pepe de Pallares estaba no taller, e tamén Lalo Gradaílle. Eles estiveran antes traballando no Castro.

Despois foise incorporando máis xente: Marisa Casas, Ramonita… Foi pouco a pouco. Eu vin rematar toda a fábrica. No 1968, en agosto, comezara no Castro, e logo fun para Cervo, nas Dores (finais de setembro) do 69. Había un recunchiño onde estaba o forno, un lugar para a administración, outro para decoración e pouco máis. Traballabamos no espazo comprendido polas columnas pintadas de escuro ao lado da entrada da galería, foi a testemuña do comezo. Despois viñera Losada Vilariño, que estaba en moldes na Coruña, para formar a xente.

“esther, manola, fina, rafael, suso, pepe e lalo formaban o primeiro grupo”

CERVO NOS COMEZOS DOS 70

Que lembra do Cervo daquela época?

Unha das cousas primeiras que vin foi un letreiro que anunciaba a construción da fábrica. Hai unha foto con varios pícaros ao pé del moi bonita.

A primeira persoa con quen tiven trato foi con Benito do Pernán. Houbera unha riada e estaba limpando. Preguntoume de onde era, comenteille que viña traballar a Sargadelos, e díxome que esperara que iamos tomar un viño ao Almacén. E cando acabamos fomos para “o de Rafael”, que lle tiña un arenque preparado.

Cervo aínda tiña certo ambiente, porque o consistorio estaba en Cervo, pero a verdade é que tiña pouco peso político, a maioría das cousas facíanse en Burela. Houbo que facer manifestacións para que nos puxeran a auga. Nese punto aquilo era unha miseria total. A xente vivía do mar fundamentalmente, tiña amigos mariñeiros que viñan do bonito e había que ver como traían os dedos, cortados. Víanselles os ósos. Quitaban diñeiro pero padecían moito. Había xente que morría no mar…

Sargadelos, no primeiro terzo da década dos 70. FOTO SERGIO

Despegou axiña a empresa?

Foise pouco a pouco, pero a verdade é que todo foi indo para arriba e vendíase moito.

“cervo estaba na miseria cando empezamos. houbera que facer unha manifestación para que nos puxeran a auga”

MAIORÍA DE MULLERES

Unha das cousas que destacaba xa daquela era a cantidade de emprego feminino.

Si, as mulleres serían o 80%. A muller soe ser delicada facendo as cousas e nós necesitabamos artesás, eran produtos feitos a man, cun traballo que non era pesado pero si moi preciso.

Poder dispoñer dun diñeiro foi un cambio radical para moitas mulleres, que conducían e tiñan carné cando non era habitual… Foi un desenvolvemento grande.

Ten en conta que nós, a principios dos anos 70, xa non traballabamos os sábados á tarde, o que non facía ninguén. Non había empresa ningunha na que non se traballara o sábado tamén. Os soldos estaban bastante ben amañados, había unha xornada de oito horas… A piscina inaugurouse no mes de agosto do 72, cando eu estaba na mili. Tamén se inaugurou daquela o edificio do seminario. Para facer aquel inmoble aproveitouse a pedra do monte.

“xa a principios dos 70 descansabamos os sábados pola tarde. iso non era habitual”

ORGULLO E BO AMBIENTE

Sentían orgullo de traballar en Sargadelos, sabían que estaban a facer algo especial?

Si, levábao todo o mundo como unha bandeira.

Dixo nunha entrevista que alí “non era posible estar triste”.

Estabamos moi ben, había moita camaradería. Eramos pouca xente e levabamonos de marabilla. Non había maneira de estar amargados, sempre estabamos con bo humor. Había moito compañeirismo.

Vaixela coa decoración toxo. SARGADELOS

En cambio, vostede si que empezou cun certo amargor.

Si, porque eu quería facer Belas Artes. Pero pasados catro ou cinco anos case o agradecín, porque aprendín moito e integreime moito no mundo na cerámica, sen deixar de lado o cartelismo. Fixen un montón de pezas e teño orgullo de ver que tiveron éxito e que se venderon moito.

Cal foi a primeira que fixo?

O decorado do toxo, a vaixela completa, que foi presentado en Barcelona. Isaac trouxérame un libro do pintor mugardés Bello Piñeiro e baseeime nel para ese decorado.

“botei tempo triste porque sempre quixera facer belas artes, pero despois duns anos con isaac agradecín quedarme”

A RELACIÓN CON DÍAZ PARDO

Vostede foi un dos protagonistas en crear unha iconografía de Galicia. En que lle insistía Díaz Pardo, que instrucións lles daba?

Todo o que se facía en Sargadelos tiña que ver coa cultura galega. Todas as pezas tiñan un por que e unha información que as explicaba, de onde procedían e que tentaban comunicar. Non había nada feito por azar, por iso creo que ten un valor grande. Buscabamos referencias nas igrexas románicas, nas balconadas populares… Todo ten algo detrás.

Isaac Díaz Pardo e Xosé Vizoso. RTVE

El dábame referencias e eu interpretábaas, e case nunca mas botou para atrás. Dicíame, “hai que facer isto, rapaz”. E íame para a biblioteca a documentarme para facelo. Era unha persoa que confiou moito en min. Eu presentáballe os deseños e dicíame sempre, “para diante”.

Lembro con agarimo que cando marchei facer a mili, no 72, mandoulle unha carta a Seoane dicíndolle que estaba algo canso porque “enriba vaise este mozo que me axuda cos deseños”. Logo, no ano 88, escribiu unha carta na que dicía: “o peso deseñístico da sección de cerámica gravita hoxe sobre Xosé Vizoso, un mindoniense que ten máis virtudes que as puramente artísticas; a súa admirable disciplina para concebir, proxectar e realizar formas non crearon nel ningún tipo de narcisismo, tan frecuente nestes casos”.

“isaac foi coma un segundo pai. confiaba en min, non me botaba ningún deseño para atrás”

PEZAS

Hai algunha peza que lle faga especial ilusión?

É como os fillos, quérelos a todos igual. É certo que a peza das San Lucas é moi significativa, pero tamén están os galos, do ano 72. Están todos coas mesmas pezas, só varían os corpos e as cabezas, con 30 partes que levan. Nunca se venderon demasiado, pero agora dinme que se están a vender moito. Mesmo saíron nun dominical do Times.

Tivo gracia, porque cando os levei ao forno, ao ser unha peza complexa, houbo quen me dixo: “vánseche desplumar”. A ignorancia… E saíron enteiriños (risas). Cando llo contei a Isaac non dixo nada, pero partiuse de risa.

Galo de Sargadelos. SARGADELOS

Cando as fixo tiña 22 anos.

Si.

“cada peza en sargadelos tiña unha referencia na cultura galega”

Gañara o premio Nacional de escultura con 18.

Si. Recibino en Málaga. Déronme unha medalla de ouro, que de ouro debía ter a cor (risas), e 5.000 pesetas, que daquela era moito carto. Fixera un Cristo de ferro e soldaxe. Antes gañara o provincial e o de Galicia.

INFANCIA

De pequeno xa lle gustaba pintar?

Sempre me lembro garabateando, nacín cun lapis na man. Con tres ou catro anos escaravellaba nas paredes caleadas que completaba as figuras que se formaban co lapis. Gustábame debuxar os cabalos que baixaban nas San Lucas, eran unha obsesión. Pasaban por diante a porta da miña casa (na zona da Fonte Vella), viñan cantidade, de Bretoña, da Pastoriza, de Lindín, de Santa María Maior… Aquilo era demasiado. Unha semana antes viña a xente polas casas a pedir para alquilar a corte e durmían alí eles mesmos, cos cabalos.

Despois, con dez ou once anos, andaba polo ultramarinos de Claudino, que estaba ao lado da miña casa, a retratar xente. Facía os debuxos en papeis de estraza que me daba Claudino e fixen centos de retratos, a calquera que andaba por alí. Deixábame un bolígrafo para debuxar, e cando a súa filla me vía entrar na tenda ía xunto de seu pai e decíalle: ‘papá, golífano’ (risas). Teño un retrato de miña nai, que fixen con catorce anos, que aínda me sorprende, ten moita forza.

“de pequeno gustábame pintar os cabalos das san lucas. pasaban por diante da miña porta e obsesionábanme”

Alguén na familia o precedeu?

Non realmente. Meu pai traballou de enfermeiro para o doutor Cabanela, pero axiña enfermou e estivo na cama bastante tempo. Logo acabou montando televisores e facendo outras cousas. Miña nai gañábase o pan fregando casas, limpando, e tamén cociñando nas festas e facendo doces. A miña infancia coincidiu con tempos moi duros. Si que é verdade que neu avó paterno era un carpinteiro moi bo, aínda teño un arcón que terá cerca de 200 anos que non ten un cravo sequera, é unha marabilla.

VALEDORES

E logo tivo dous grandes valedores, antes de Díaz Pardo.

Un foi Pedro Carreira, un profesor que lles dixo a meus pais que era bo que seguira estudando. Obtiven unha beca despois de facer un exame a Lugo. No instituto comecei a miña formación con Juan Puchades.

“puchades foi para min outro pai. deixábame a ferramenta. iso non o fai calquera”

Puchades para min foi outro pai. Podía ir ao seu estudo e deixábame a ferramenta. Iso de deixar a ferramenta… Eu non o facía, gardaba as miñas do taller. Moitas ferramentas facíaas eu con cachiños de serra. A xente non sabe que é ter que alquilar os útiles para facer o teu traballo. Eu aínda gardo o primeiro pincel, con catro pelos que debe ter (risas). Hai que limpalos moi ben e hai quen os pousa no vaso, así que os fastidia. Hai que poñelos sempre cara arriba.

Foi Puchades quen o avisou da oferta de traballo de Sargadelos.

Si, había unha oferta de formación como decoradores para unha nova planta en construción. Fun para alá e fixen unha proba, e aos quince días enviáronme unha carta dicíndome que era a persoa idónea para o posto.

ILUSTRADOR

Con Seoane tivo trato?

Pouco, pouco. Falamos algunhas veces, como despois dunha conferencia que veu dar Otero Pedrayo. O que si sei é que lle encantou o cartel das festas de Cervo, díxomo Isaac.

Cartel do San Roque. XOSÉ VIZOSO

Aquel no que debuxou a San Roque co can, do ano 70?

Ese mesmo.

É o meu favorito. Sabe cantos carteles terá feito?

Moitos. Libros, creo que a capa duns 300.

Hai algunha lembranza que lle traia o 50 aniversario?

Moitas. Ten en conta que para min Isaac foi como un pai. Botei con el toda a miña carreira laboral, desde o principio, e non lembro unha soa discusión con el.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...