O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo caeu por debaixo dos 50 infectados, segundo o reconto oficial do Sergas. A Consellería de Sanidade contabiliza 49 positivos, dous menos ca onte. O Hospital Público da Mariña segue sen ingresados.

Os catro hospitalizados na área lucense a causa da pandemia permanecen no HULA, un deles na Uci e outros tres en planta. En domicilio fican 45 pacientes.

No histórico da provincia, o Sergas documenta 27 falecementos, cinco deles na Mariña, ademais da morte dun home que ingresou por coronavirus e pereceu na Uci de Burela malia superar a doenza no seu período na unidade de críticos. Déronse 871 altas.

773 INFECTADOS EN GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 773, deles 179 son da área da Coruña, 49 da de Lugo, 89 da de Ourense, 30 da de Pontevedra, 266 da área de Vigo, 139 da de Santiago, e 21 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 5 permanecen en Uci, 37 están en unidades de hospitalización e 731 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 9.896 persoas curadas, rexistrándose 615 falecementos. O número de PCR realizadas é de 140.225.

No tocante ás residencias, o Sergas recolle no cómputo deste venres a alta recibida días atrás por un maior na vivenda comunitaria privada Mirador del Eo, en Ribadeo.