IniciosociedadeViveiro denuncia que a Xunta lle nega a subvención para contratar dez...

Viveiro denuncia que a Xunta lle nega a subvención para contratar dez persoas en risco de exclusión social

O Concello afirma que presentou a solicitude "dentro do prazo" e que ía empregar os dez parados perceptores da Risga financiados no anterior exercicio na limpeza de praias

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro emitiu un comunicado de prensa no que expresou publicamente o seu malestar coa Xunta ao non concederlle a subvención para a contratación temporal de persoas en situación de risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga).

O executivo municipal sinala que non recibiu “notificación de concesión de prazas” para contratación en virtude desta subvención. Tras realizar unha consulta telefónica á Xunta de Galicia, “infórmasenos de que só se notificou aos concellos que recibiron axuda e que se esgotou o crédito, polo que ata transcorrer o tempo dado aos municipios beneficiarios para facer as contratacións e ver se se produce algunha renuncia, non nos poden confirmar se imos ter dereito a axuda para algunha contratación ou non”.

O goberno local viveirense sinala que solicitou a axuda “dentro do prazo establecido” e que segundo os criterios da convocatoria, Viveiro situaríase “no tramo de 51 a 100 persoas perceptoras da Risga, correspondéndolle ata dez contratacións“.

O executivo municipal expón que no artigo 2 da normativa, referido ao financiamento, cun importe total de 7,7 millóns de euros aproximadamente, establécese que “para os efectos de garantir unha distribución o máis equitativa posible dos recursos entre os distintos concellos que poidan participar, asignarase a cada entidade solicitante unha axuda inicial equivalente ás contratacións que lle correspondan en función do número de persoas perceptoras da Risga”.

AS ESIXENCIAS POLO COVID-19 “SEGUEN A RECAER SOBRE OS CONCELLOS”

“En base a isto”, sinala o goberno local viveirense, a Viveiro “corresponderíanlle ata dez contratacións”, tendo en conta, sinala, que “o procedemento de concesión é de concorrencia non competitiva ata esgotamento do crédito orzamentario”. O executivo municipal critica que a convocatoria de 2019 “tivo exactamente a mesma dotación presupostaria e fóronnos concedidas as dez prazas”.

As dez persoas que lle corresponderían ao Concello de Viveiro, sinala o executivo municipal, “ían ser destinadas á limpeza das praias, era un persoal co que xa se contaba e que é moi necesario. Ten acontecido con outro tipo de convocatorias, por exemplo para a execución de obras, que o crédito consignado se esgotase e que a este Concello se lle denegasen subvencións, pero neste caso é diferente, pois a Xunta sabe os beneficiarios de Risga que hai en cada municipio”.

Dende o goberno municipal considérase que non pode ser que se convoquen as subvencións e que o crédito sexa insuficiente, sobre todo tendo en conta a situación na que nos atopamos, cando Galicia acaba de pasar á “nova normalidade” e “moitas das esixencias desta nova situación recaen sobre os Concellos, que teñen que intensificar as labores de limpeza e desinfección“.

QUEIXAS POLO NÚMERO “INSUFICIENTE” DE SOCORRISTAS FINANCIADOS

O goberno viveirense manifesta tamén “o malestar” polo número de socorristas concedidos, “que resultarán insuficientes para atender todas as praias cando este verán, ademais, vai ser necesario adoptar máis medidas e precaucións, atendendo ás esixencias establecidas”.

Considérase que a Xunta de Galicia “quixo ir de abandeirada sendo a primeira comunidade autónoma en abandonar o estado de alarma, para quedar ben publicamente e dando a entender que todo vai ben; mentres os concellos se atopan na difícil situación de adoptar unha serie medidas de control, protección, limpeza e desinfección para as que non dispoñen de medios”, conclúe o Concello viveirense.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...