InicioEconomíaPatricia Otero (PSdeG): "o primeiro é que Alcoa retire o ERE porque...

Patricia Otero (PSdeG): “o primeiro é que Alcoa retire o ERE porque hai un plan industrial sobre o que traballar”

A candidata número 1 do PSdeG por Lugo sostén que Feijóo ten "unha lista de débedas" coa provincia e reivindica pactos de esquerda "que melloraron a vida das persoas"

Publicada o

- Advertisement -

Natural de Monforte e afincada desde hai anos en Burela, onde foi concelleira, e de profesión avogada laboralista, Patricia Otero lidera aos socialistas na secretaría xeral provincial e tamén na candidatura do PSdeG por Lugo ao Parlamento galego. Vive, recoñece, unha experiencia “atípica” nas súas primeiras eleccións autonómicas como número 1 do partido socialista lucense, por mor da pandemia.

Cales son as súas sensacións nesta campaña?

É certo que está a ser atípica, ao igual que están a ser as nosas vidas en todos os eidos por mor do coronavirus. Por un lado, vimos dun confinamento para o que ninguén estaba preparado, e volver á nova normalidade custa un pouco en todos os ámbitos. É certo que non ves nos mercados e feiras o movemento que había noutras campañas, que a xente aínda ten un pouquiño de medo a saír. É un tanto estraño, frío, e tamén hai que ter en conta que levamos nos últimos tempos varios comicios; pero é certo que co paso dos días ímonos acostumando todos e isto vai mudando. As sensacións son boas.

BALANCE

Cal é a diagnose que fai dos algo máis de once anos á fronte da Xunta do PP e de Núñez Feijóo?

Estou a percorrer principalmente a nosa provincia nos actos electorais e percibo ganas de cambio. A xente estase a dar conta de que o proxecto do Partido Popular está esgotado e nós estamos transmitindo que se pode facer política doutro xeito. O programa electoral do PP en Lugo é moi doado de facer, un corta-pega de anos anteriores, porque que nas campañas electorais promete o que despois non cumpre.

Estamos a comprobar de novo coa pandemia o importante que é unha sanidade pública de calidade, que foi desmantelada e que hai que fortalecer. Esta ía ser a lexislatura do rural, pero quedou totalmente abandoado malia que os nosos agricultores e gandeiros foron fundamentais para abastecernos de produtos de primeira necesidade, ao igual que a nosa xente do mar, que arriscou a súa saúde no beneficio de todos. Diante desta situación de esgotamento do proxecto do PP, é hora de facer políticas para as persoas e non deixar ninguén atrás.

ÁREAS SANITARIAS

Fálame da sanidade, que foi un dos aspectos máis polémicos da lexislatura, tanto na provincia como fóra dela, como ocorreu co amago de peche do paridoiro de Verín. Lemos e A Mariña perderon as áreas sanitarias e convertéronse en distritos, o que suscitou críticas unánimes da oposición, tamén do partido socialista. Comprométese o PSdeG a restablecelas? Por que considera importante que estas comarcas as recuperen?

A sanidade foi desde logo un dos talóns de Aquiles da Xunta de Feijóo, especialmente na última lexislatura. Cando se anunciou o peche do paridoiro de Verín nós diciamos que tiñamos medo de que esa medida, de levarse adiante, se espallase a comarcas como Monforte ou A Mariña. O Goberno autonómico tivo que recuar pola presión social, pero seguimos advertindo sobre esta situación; se se produce un peche sostido no tempo, esa situación podería afectar a outros Hospitais comarcais.

“traballaremos pola recuperación das áreas sanitarias da mariña e monforte. implicaron unha perda de autonomía e servizos”

A modificación da Lei de Saúde de Galicia foi un gran retroceso. Converter unha área en distrito non é só un cambio de nome; implica unha perda total de autonomía, estamos subordinados a Lugo. Tanto a veciñanza de Lemos como a da Mariña sabemos que hai unha serie de prestacións sanitarias que antes se levaban a cabo no Hospital da Mariña ou no de Monforte, e agora hai que desprazarse: cuestións tan básicas como operacións como un cambio de marcapasos, intervencións de cataratas. Comprometémonos a traballar para a recuperación das áreas sanitarias.

AMPLIACIÓN DO HOSPITAL DA MARIÑA

A candidata do PP de Lugo, Elena Candia, insiste en que nesta lexislatura ampliouse o Hospital Público da Mariña. Pero o que temos é máis espazos, non conlevou un aumento do persoal sanitario nin tampouco dos servizos prestados: iso non o di o PSdeG, é algo que aseguran os colectivos sanitarios e a veciñanza, que constantemente están saíndo á rúa para que non haxa recortes.

ATENCIÓN PRIMARIA

Por outro lado, din que van reforzar atención primaria, pero é todo o contrario; a perda de profesionais é notoria, non se cubren vacantes de PSX, médicos, enfermeiras… Mesmo aproveitando a excusa do coronavirus están pechando centros de saúde como os de Parga e Castro e non se volven abrir. A veciñanza coñece, tamén, como están as listas de agarda, por moito que queiran maquillar os datos. Unha sanidade pública e de calidade é imprescindible e é unha das principais razóns polas que cremos que é necesario un cambio de Goberno.

“o desmantelamento de atención primaria é notorio. perigan os centros de saúde e parga e guitiriz e non se cubren vacantes”

O ALUMINIO

A situación de Alcoa San Cibrao supón unha preocupación maiúscula na Mariña. O Goberno comprometeu un estatuto das electrointensivas que está por aprobar e co ERE presentado pola multinacional enriba da mesa, o tempo esgótase. Cal é a proposta do PSdeG para que non paren as cubas?

Agora mesmo o problema de Alcoa non é tanto un problema de tarifa eléctrica como nun principio nos trasladaban o propio comité e a empresa. A compañía requería ese prezo estable da luz e o Executivo central presentou na mesa multilateral unha proposta de plan industrial, que garantiría unha viabilidade de dez anos, cun prezo estable e competitivo, entre 25 e 35 euros/MWh; é certo, como din os obreiros, que non é algo pechado, un documento final, pero é unha oferta a partir da que traballar coa empresa, sempre e cando retire o ERE, ou con aquela que se faga coa planta. E Alcoa rexéitaa, semella que xa non lle vale, que non quere continuar aínda que lle regalasen a enerxía. Por iso entendemos que o que pretende é unha deslocalización. Quere irse, investir noutros países.

Ese plan está enriba da mesa de Alcoa, pero tamén de calquera outro investidor que queira adherirse, sempre e cando se manteña a produción e os postos de traballo. O Goberno aprobou xa o Fondo de Garantías que avala as PPA, que é o primeiro paso do estatuto das electrointensivas, que sairá.

“non descartamos a intervención de alcoa, pero pensamos que debe ser unha última opción”

INTERVENCIÓN

Os obreiros están a solicitar unha intervención pública, unha medida sobre a que o Executivo por agora evita pronunciarse. Temen que de non ser así haxa unha venda a un proxecto especulativo e non produtivo, como ocorreu na Coruña e Avilés.

Nós non descartamos unha intervención temporal ou unha nacionalización. Pero non é o momento: temos que centrar en todos os nosos esforzos a obrigar a quen é a culpable desta situación, Alcoa, a retirar o ERE que puxo enriba da mesa. Para iso temos que ir todos no mesmo barco, iso é o que lle reclamamos á Xunta de Galicia. Temos a impresión de que Feijóo está máis interesado en sacar rédito electoral que en axudar a solucionar este problema.

Hai un documento sobre o que traballar, cos obreiros e con quen queira producir aluminio. Somos conscientes de que en aluminio hai unha produción continua e que parar as cubas sería terrible: por iso temos que centrarnos todos en obrigar á compañía a retirar o despedimento colectivo e gañar tempo para atopar unha solución. Consideramos que a intervención sería unha das últimas opcións e que por agora hai outras posibilidades.

RESIDENCIAS

O PSdeG amosouse moi crítico coa xestión das residencias do PP, especialmente no tocante á proliferación de xeriátricos privados. O maior impacto do coronavirus nestes centros en Galicia resultou evidente. Desde o goberno socialista da Deputación plantexouse un modelo alternativo de centros de maiores, cos exemplos de Pol, Trabada ou Ribadeo, que agora dalgún xeito vostedes mesmos frearon; acabaranse as que están comprometidas pero non se ampliará a oferta. Por que ese cambio e cal é a proposta para estes servizos?

Temos que partir da base de que as competencias en Política Social son da Xunta de Galicia. A Xunta é especialista en non exercer competencias, vese tamén en materia industrial con Alcoa. Antes de nada, quero lembrar que a bagaxe de Núñez Feijóo como presidente autonómico é de cero prazas públicas en centros de maiores públicos en once anos e medio.

“O LEGADO DE FEIJÓO EN ONCE ANOS SON CERO PRAZAS PÚBLICAS EN RESIDENCIAS PÚBLICAS”

Aquí, na provincia de Lugo, estes servizos son imprescindibles, básicos. A Deputación de Lugo decidiu asumir esas competencias para non deixar a ninguén tirado. Moitos maiores poideron ter o seu lugar de residencia preto das súas familias grazas a eses proxectos. Pero que os Concellos e Deputacións asuman competencias que non lle corresponden non é asumible como algo sostido no tempo. É outra das razóns polas que é necesario un cambio, para que haxa un Executivo galego que asuma as súas responsabilidades en servizos sociais: nós comprometémonos a crear 2.000 prazas públicas de centros de maiores en catro anos.

“as residencias da deputación melloran a vida das persoas. pero as competencias en política social son da xunta e é hora de que as asuma”

O RURAL

Levamos anos falando en Lugo e Ourense de Galicia de dúas velocidades, á estela da do Eixo Atlántico. Como frear o despoboamento nestas dúas provincias?

Penso que é unha cuestión fundamental son as infraestruturas. O PP fai promesas constantes, como a Vía de Alta Capacidade Costa Norte ou o desdobramento do corredor Sarria-Nadela, que quedan aí, en promesas. Necesitamos implicación por parte da Xunta e tamén, é certo, por parte do Goberno central.

Hai que potenciar que a xente queira vivir aquí a través dos servizos, tentando equiparar ao máximo o rural coas cidades. Non podemos perder pediatras, escolas infantís, farmacias, bancos… Temos que facer unha aposta, poñer todos os mecanismos posibles para que haxa educación pública de calidade e sanidade pública de calidade.

“hai que facer unha aposta polo rural, de infraestruturas e servizos. non podemos perder pediatras, escolas infantís…”

Que proxectos ou obras considera estratéxicos para a provincia?

En Monforte, vemos como os accesos ao porto seco están ano tras ano nos orzamentos da Xunta de Galicia pero cunha cantidade irrisoria. Nós imos darlle a importancia que merece, darlle un pulo a algo que é fundamental para esa zona. O balance de Feijóo no Goberno coa capital provincial, por exemplo, é o dunha débeda histórica: a Rolda leste, o Plan Paradai, o Museo da Romanización… Núñez Feijóo e mailo PP teñen unha listaxe de débedas coa provincia.

PACTOS

É inevitable preguntarlle polas enquisas, que dan un resultado favorable ao PP e a Feijóo, que semella só podería cambiar un pacto da esquerda. Desde a dereita tentaron desacreditarse posibles acordos, que por outro lado vostedes teñen co Bloque en varias Deputacións e Concellos, ou con Unidas Podemos no Estado. Está o PSdeG aberto a pactar? Como lle explicaría á xente que poidese desconfiar deses acordos que poden ter un impacto positivo?

As enquisas son enquisas, algunhas teñen unha intención determinada e penso que están para romperse. No partido socialista estamos acostumados a que nos tenten ‘rematar’ e que nos falen de ‘sorpassos’, e superar ese tipo de situacións. Por suposto imos a gañar, a que haxa un Goberno progresista, porque non é o mesmo cando está á fronte o PP que cando está á fronte o PSdeG. Isto viuse claramente nun contexto de Covid-19.

Dito isto, creo que estamos nunha época na que xa non hai maiorías como anteriormente, están chamadas a desaparecer, e as esquerdas están chamadas a entenderse. O PSdeG ten experiencia de goberno positiva co Bloque en varias Administracións, e eses pactos serviron para aprobar políticas de esquerda coas que mellorar a vida das persoas. Sería un grave erro que, por unha falla de entendemento, deixaramos seguir gobernando ao PP. É un escenario, a verdade, que non me plantexo: haberá entendemento. O noso candidato, Gonzalo Caballero, comprometeuse a iso.

“a dereita demoniza pactos, pero chega a acordos cun partido mACHISTA e xenófobo. o bipartito no goberno trouxo o ingreso mínimo vital”

CRISE

A dereita aspira a demonizar os pactos, pero o primeiro Executivo de coalición en España aprobou o Ingreso Mínimo Vital, a subida do salario mínimo interprofesional, do que se están a beneficiar milleiros de lucenses. Vén unha crise social e con estes instrumentos, ou coa aprobación dos Ertes por causa maior, construíuse un escudo social que con calquera outro Goberno non se tería dado. Que axudas complementarias puxo enriba da mesa Feijóo? É o único presidente que considerou excesivo o diñeiro dirixido a educación polo Estado no plan post Covid-19. Achégase unha crise social e económica polo coronavirus e todos sabemos quen xestionou a crise orixinada no 2008, con recortes.

“VÉN UNHA CRISE SOCIAL E O GOBERNO PROGRESISTA NO ESTADO SOUBO CREAR UN ESCUDO SOCIAL. NON É O MESMO QUE ESTEA O PP CA O PSOE”

O que chama a atención é que a dereita queira asustar cos pactos cando non son algo exclusivo da esquerda. Estamos vendo que o PP, cando non ten os votos suficientes para gobernar, alíase cun partido de ultradereita, racista e xenófobo, que vulnera os dereitos das mulleres. Iso é gravísimo e esas son as coalicións perigosas, as que hai que temer. Non me cabe dúbida de que se Feijóo o necesita vai chamar a Vox. A esquerda saberá entenderse, porque ninguén nos perdoaría que podendo facelo deixemos gobernar ao Partido Popular.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...