Iniciosociedade(VÍDEO) A loita dos obreiros de Alcoa e da Mariña, en cinco...

(VÍDEO) A loita dos obreiros de Alcoa e da Mariña, en cinco minutos espectaculares

A fotógrafa cervense Sabela Blanco elaborou unha peza audiovisual que resume meses de pelexa por manter o emprego tralo ERE presentado pola multinacional

Publicada o

- Advertisement -

A da fotógrafa cervense Sabela Blanco Rodríguez, sempre co chaleco reflectante e a cámara a punto, é unha das facianas habituais nas manifestacións por unha solución para a planta de aluminio do complexo de Alcoa, ubicado en San Cibrao. O seu esforzo altruísta seguindo a loita dos traballadores por manter o 100% da produción e do emprego vén de callar nun espectacular vídeo, de cinco minutos de duración, que é un resumo de meses de protestas.

Imaxes dos actos reivindicativos en, entre outros lugares, Santiago de Compostela, BurelaSan Cibrao, LugoFoz ou Viveiro -onde contou coa axuda do burelao Iago Vilarinho-, cos cánticos en son orixinal dos empregados, ademais da canción composta para a ocasión por Walter Lage, un dos operarios, mestúranse para dar un vivaz testemuño da pelexa obreira.

O ERE PETA Á PORTA DA CASA

O Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que presentou a multinacional, e que suporía o despedimento de máis de 900 obreiros entre a planta e as empresas auxiliares, tócalle á fotógrafa directamente na casa, pois o seu mozo traballa “en electrólise“, o corazón da fábrica de aluminio, e á súa vez o corazón da industria na comarca da Mariña. “Pero todos os mariñaos estamos afectados dunha ou outra maneira”, resume a fotoxornalista, de 32 anos. “Eu nacín aquí e quero seguir vivindo aquí, non emigrar”, resalta.

Na casa as conversas xiran sobre a situación da planta, pero incluso a incerteza sobre o futuro “se acaba normalizando e convivindo con ela, e iso é o perigoso”, salienta. “A vida está moi difícil aquí desde 2008, por iso en parte me atraen as manifestacións, porque parece que por fin nos unimos pola nosa comarca”, afirma.

Con respecto á bisbarra, considera que son necesarias alternativas económicas a Alcoa, pero fai fincapé en que “non nos podemos permitir o luxo de pechar unha fábrica desta magnitude, xa montada aquí; haberá que modernizala, pero non podemos esperar que haxa outro proxecto industrial igual. Esperemos que o Goberno central se mova”, indica.

“AO SAÍR” DAS PROTESTAS “TRÉMENCHE AS PERNAS”, AFIRMA

“As manifestacións flípanme e creo que o comité e os traballadores o están a facer moi ben” para visibilizar a súa situación, explica. “Son moi visuais e orixinais, e moi auditivas, tamén. Xogan coa cor, coa luz na escuridade, coas bengalas… Teñen moita forza e son moi emocionantes, saes delas e trémenche as pernas“, sostén. Deste xeito, foi unindo as imaxes das distintas protestas, que se ven “como unha serie, como se houbese capítulos, e causa máis impresión”.

É o seu “grao de area” para acadar unha solución ao conflito laboral é reflectir a historia detrás dos números, a dos traballadores.

As sensacións vividas nas protestas péganse ao corpo, como pegañentos son os cánticos. “Levo co ‘enerxía solución‘ un mes na cabeza”, ri Blanco, que desexa que esa mensaxe ronde con insistencia na axenda dos “políticos” o suficiente para que haxa unha saída. A peza audiovisual remata cunha mensaxe esperanzadora: “salvaremos a Mariña“. Pola xente da comarca, Blanco dá un novo exemplo, non vai quedar.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...