InicioEconomíaDenuncian a Alcoa ante Traballo por impedir aos obreiros das auxiliares realizar...

Denuncian a Alcoa ante Traballo por impedir aos obreiros das auxiliares realizar as súas tarefas

A coordinadora da representación sindical nas contratistas considera que a multinacional "utiliza" a convocatoria de folga en aluminio como "escusa" para reducir a produción

Publicada o

- Advertisement -

As organizacións sindicais CIG, CC OO e UGT presentaron este luns denuncia na Inspección de Traballo contra Alcoa por decretar “un peche patronal” e “impedirlle aos traballadores das contratas e subcontratas realizar o seu traballo na fábrica con normalidade”, tanto nas plantas de alúmina como de aluminio.

Segundo os sindicatos, aos traballadores non se lles denegou o acceso ao complexo industrial, pero si efectuar as súas tarefas. Cómpre subliñar que a folga indefinida iniciada esta xornada está convocada polo comité de empresa e afecta ao persoal da principal, e non será até mañá, martes 21, cando se faga efectiva legalmente a convocatoria de paro xeral nas auxiliares.

Ao non estar cubertos pola convocatoria de folga, os traballadores das auxiliares acudiron ao seu posto con normalidade, “pero para a súa sorpresa Alcoa non lles permitiu acceder ao complexo industrial para realizar as súas tarefas, decretando un peche patronal absolutamente ilegal“, sosteñen os sindicatos.

OS OBREIROS DAS CONTRATISTAS COMEZARÁN O PARO O VINDEIRO MARTES

A multinacional, segundo os delegados sindicais, expúxolles aos traballadores que había unha folga convocada, pero nun “paro negócianse servizos mínimos, pero non máximos; foi a patronal quen unilateralmente prohibiu a realización das tarefas”, resalta o voceiro da plataforma que aglutina a representación sindical nas auxiliares, Quique Rocha.

“A problemática creouna única e exclusivamente Alcoa e agora veremos se vai a máis; se se lle descontará o día ás nosas empresas e sucesivamente se nos descontará aos obreiros. Solicitamos por iso a Inspección de Traballo que tome cartas no asunto”, engade.

Dende a plataforma denuncian que Alcoa “está utilizando a convocatoria de folga como escusa para parar a produción, reducir a carga de traballo e aforrar cartos a conta do conxunto do persoal“, argumentan.

Diante “desta vulneración de dereitos“, expón a coordinadora, “xa foi presentada denuncia na Inspección de Traballo para que adopte as medidas oportunas, pois a empresa non ten potestade para decidir que persoal pode acudir ou non ao seu posto”.

SEN DATA PARA AS REUNIÓNS SOLICITADAS A XUNTA E GOBERNO

“Este é un exemplo máis do escaso respecto que Alcoa ten polos dereitos do persoal das auxiliares, que se suma á nula vontade da empresa para abordar na mesa de negociación a problemática específica deste colectivo laboral formado por máis de 1.000 traballadores“, critican as centrais sindicais.

Sobre este punto, Rocha concreta que non recibiron aínda convocatoria por parte do Goberno de España nin da Xunta de Galicia, tal e como solicitaran, mesmo pedindo aos alcaldes de Cervo e Foz mediación para acadar entrevistas. O secretario xeral de Industria, Raül Blanco, tampouco deu resposta a esta demanda na videoconferencia mantida cos obreiros.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...