InicioEconomíaAlcoa argumenta que non recibiu do comprador "unha proposta concreta" para insistir...

Alcoa argumenta que non recibiu do comprador “unha proposta concreta” para insistir na parada de cubas

A empresa sostén que Liberty House "non especificou como resolverá o problema da enerxía" e teima nas "perdas" e no "tempo" que require unha venda para manter o ERE

Publicada o

- Advertisement -

Alcoa ofreceu este xoves a través dun comunicado de prensa a súa versión sobre a reunión mantida esta mañá cos sindicatos, na que comunicou ao comité de empresa a existencia dun posible comprador para o complexo industrial de San Cibrao. Trátase da multinacional británica Liberty House, aínda que a propietaria do centro produtivo non menciona o nome do investidor interesado. Na nota, a compañía radicada en Pittsburgh insiste en que non venderá sen unha parada previa das cubas de electrólise, o que encalla a situación.

Segundo expón Alcoa, recibiu “onte” unha carta de Liberty House, “que expresa interese en adquirir a fábrica de San Cibao, pero sen facer ningunha proposta concreta”. O grupo interesado, sinala a multinacional, “coincide con nós en recoñecer os problemas que ten a planta de aluminio para asegurar a súa viabilidade; en particular no que se refire ao custo da enerxía, pero non especifica como pensa resolver este problema, que é unha das causas principais das importantes perdas nas que está incorrendo”, sinala.

A NEGOCIACIÓN CO COMPRADOR “REQUIRE TEMPO”

A empresa apóiase na cuestión da enerxía para argumentar de novo que “un proceso (de venda) deste tipo require tempo para executarse e o seu éxito é incerto” e xustificar a súa folla de ruta, a aplicación dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporía o despedimento de 900 traballadores entre a planta de aluminio e a industria auxiliar de San Cibrao.

A multinacional insiste que está “disposta a estudar un proceso de venda da planta de aluminio, a condición de que se proceda previamente á parada ordenada das cubas. A planta de aluminio está perdendo máis dun millón de euros á semana e é necesario deter estas perdas con urxencia”, reitera, engadindo que “o custo de reiniciar as series de cubas de electrólise sería considerablemente menor que as perdas sufridas pola planta nun ano”.

CINCO DÍAS PARA O REMATE DAS CONSULTAS DO ERE

Os sindicatos consideran que a parada da maquinaria de electrólise suporía “a morte” do complexo industrial, polo que solicitan o amparo das Administracións para medien a fin de que Alcoa acceda a negociar coas cubas operativas ou, de non ser así, procedan á intervención da planta.

“Estamos enfocados no proceso de consultas de despedimento colectivo que conclúe o 4 de agosto e afecta á planta de aluminio de San Cibrao, que acumula perdas significativas debido a dificultades estructurais e atópase nunha situación que require unha acción urxente”, manifesta Alcoa, que conclúe que “non se tomará ningunha decisión ata que se complete” o período de negociación do ERE.

ALÚMINA, CUXO 40% PERTENCE A UN SOCIO AUSTRALIANO, “NON ESTÁ EN VENDA”

No tocante a alúmina, Alcoa “non contempla a venda” da refinería, “cuxa propiedade enteira non lle pertence”, lembra. A multinacional estadounidense posúe o 60% da fábrica, pois o restante 40% está en mans do grupo australiano Alumina Limited.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...