Os traballadores de Alcoa lembraron desde o mirador de Loiba (Ortigueira), o enclave turístico coñecido por presumir do “mellor banco do mundo“, que “seguimos a ter un problema ao que necesitamos que se lle dea unha solución”. Así o reivindicou o comité de empresa, que recordou que “estamos na segunda das seis semanas que temos de marxe” para que ou ben frutifique unha venda da planta de aluminio de San Cibrao, onde a multinacional presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE), ou ben a titular “recúe e quite da mesa o despedimento colectivo”.
“Viñemos ao banco máis coñecido de España a reivindicar o seguir traballando e evitar que A Mariña Lucense sufra un enorme pau ecónomico. Hai algo máis ca o turismo e queremos comer e vivir da industria”, asegurou o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan.
UN MES DE MARXE
Despois de que sindicatos e Alcoa chegasen a un acordo para prorrogar o período de consultas do ERE, que suporía o apagado das cubas de electrólise e máis de 900 despedimentos entre a planta de aluminio e a industria auxiliar de San Cibrao, a propietaria e un potencial comprador, Liberty House, terán ata o 27 de setembro para pechar un preacordo de venda. De non frutificar as conversas, a patroal e a parte social retomarán o día seguinte a última xornada de negociación do despedimento colectivo.
Respecto do proceso de venda, Zan expuxo que esta semana remataríase cun primeiro período das negociacións nos que se están a abordar “datos macroeconómicos”, para abordar na seguinte fase “a ‘due diligence‘, os datos en detalle que ten que dar a empresa a Liberty. Nos últimos 15 días entraríase a negociar o custo da operación”, remarcou.
Preguntado sobre o estado anímico do persoal, o sindicalista afirmou que “estamos pendentes da reunión desta semana”, desexando que se dea “unha saída clara e concisa para A Mariña Lucense” e reclamando ás Administracións “que unha”, o Goberno central, “poña un marco enerxético estable” que favoreza a continuidade da industria do aluminio, “e outra”, a Xunta de Galicia, “que acompañe con diñeiro toda esa infraestrutura”.
Á ESPERA DA CONVOCATORIA DA MESA E DUNHA REUNIÓN CON LIBERTY
Ao mediodía deste luns, os traballadores agardaban a comunicación por parte de Alcoa para reunir a mesa multilateral acordada para fiscalizar o proceso de venda, e na que participan comité, sindicatos a nivel estatal, empresa e Administracións. Os obreiros tampouco recibiron por agora cita de Liberty House para coñecer a súa versión sobre a negociación coa propietaria.