O Xulgado nº 1 de Viveiro ten unha sobrecarga de traballo do 61% no eido civil, segundo o CXPX

Traballadores consideran que os resultados da inspección, realizada a principios de ano, avalan a creación dunha terceira sala

Arquivo dos Xulgados. AXM

O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) fixo públicos os resultados da inspección realizada os pasados días 12 e 13 de febreiro no Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número 1 de Viveiro. Segundo o informe, a carga de traballo no ámbito civil era a esta altura do 161% -é dicir, os asuntos superan nun 61% os módulos aprobados polas autoridades xudiciais-, mentres que o indicador de entrada de casos no eido penal está ao 77% e “á alza”, segundo remarcan funcionarios xudiciais, que insisten “na necesidade” da creación dun terceiro Xulgado.

Marco López e David Díaz, traballadores dos organismos xudiciais viveirenses, aseguran que os datos do CXPX “poderían trasladarse” ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2, que atende ademais os casos de violencia de xénero, e “ratifican de xeito indirecto que, coas cifras de asuntos que entran anualmente en Viveiro e a grave situación que padece a sección civil, é necesaria a creación dun terceiro xulgado”. A terceira sala trátase dunha vella demanda nun partido xudicial que recibe causas dos concellos de Ourol, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela e Foz, cunha poboación estimada de 45.000 habitantes.

Os traballadores remarcan que o Xulgado número 1 ostenta ademais das funcións ordinarias en materia civil e penal, as competencias do Rexistro Civil relativo ao municipio viveirense e do Decanato, “a oficina que reparte os asuntos e os escritos entre os dous órganos do partido xudicial”. Ademais, ocúpase dos casos de violencia de xénero “cando está de garda e o Xulgado número 2 non se atopa en horas de audiencia”.

Finalmente, o Xulgado número 1 ten a competencia exclusiva en causas por accidentes laborais.

O nivel de pendencia no tocante aos pleitos chegou a alcanzar o 215% no caso do Xulgado número 1, segundo denunciaban os propios funcionarios xudiciais.

A MARIÑA, “A GRAN ESQUECIDA”

Os traballadores lamentan que Viveiro “volveu ser o gran esquecido” polo Goberno de España no tocante ás medidas adoptadas en marzo do presente exercicio, como o reforzo dos xulgados do eido social e mercantil, e a creación de tres novos órganos xudiciais na Coruña, Lugo e Vigo“. Unha decisión que coincide coa petición da Xunta de Galicia, o que os funcionarios dos Xulgados viveirenses interpretan como “unha discriminación endémica cara A Mariña por parte das Administracións estatal e autonómica”.

XORNADAS DE “ATA DOCE HORAS”

López e Díaz aseguran que, malia xornadas “de ata doce horas sen ningún tipo de contraprestación” para reducir a pendencia de asuntos, “en materia civil está a resultar imposible tendo en conta a tendencia ascendente das demandas que entran nos xulgados nunha soa anualidade”. Unha situación que agrava “a ausencia de compromiso por parte das institucións, que negan unha simple ampliación de xornada para o persoal afectado”, e tamén as dificultades provocadas polo “funcionamento defectuoso” das ferramentas informáticas fornecidas pola Xunta.

EMPRESAS SOFREN FALTA DE LIQUIDEZ POLOS ATRASOS

Que consecuencias teñen os atrasos? “Hai casos de pequenas empresas que acaban tendo que someterse a concursos de acredores por falta de liquidez, ao tardar excesivamente a Administración de xustiza en ditar sentenza e en executar as resolucións que lles son favorables”, poñen como exemplo os traballadores.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here