Liberty investiría 1.000 millóns en plantas eólica, fotovoltaica e de coxeración para abaratar a luz

O grupo interesado en Aluminio planea obter 400 MW dun parque de vento, 800 MW de paneis solares e 200 MW dunha fábrica de coxeración; asegura os empregos "en iguais condicións"

Instalacións de Alcoa en San Cibrao. EFE/Eliseo Trigo

A potencial compradora da planta de aluminio de San Cibrao, Liberty House -pertencente ao grupo GFG Alliance– presentou este mércores ao comité de empresa do complexo industrial cervense o seu proxecto para continuar a produción na fábrica que Alcoa pretende pechar. Un plan que pasa por investir 1.000 millóns en tres plantas a fin de abaratar o custo da enerxía eléctrica, que supón o 40% dos gastos produtivos da factoría e ameaza a súa viabilidade.

PROXECTO INDUSTRIAL

Para afianzar o futuro da planta, asinaríase unha Power Purchase Agreement (PPA) ou contrato bilateral de subministro de electricidade promovéndose a construción de dúas instalacións de renovables, unha eólica de 400 MW e outra fotovoltaica ou solar de 800 MW. A empresa Ignis Energía sería a encargada de elaborar o proxecto. Tamén se impulsaría unha planta de coxeración de 200 MW que completaría o fornezo. Aínda que se trata dun plan non de todo coincidente, é similar ao que puxo o secretario xeral de Industria, Raül Blanco, enriba da mesa o pasado 23 de xuño.

O investimento para estas melloras, que suporían a creación de centos de postos de traballo, alcanzaría os 1.000 millóns de euros e as emisións de carbono da planta de aluminio poderían reducirse un 80%.

Para completar nun prazo de dez anos o obxectivo de Liberty House de emisións cero e fabricar “aluminio verde“, habería que reorientar a planta de coxeración a hidróxeno e investir en equipos de captura de dióxido de carbono.

As estimacións no tocante ao prazo para poñer en marcha a PPA son de tres anos; isto supón que nese período previo Liberty House debería acceder a un prezo da enerxía competitivo, para o que o Estado debera poñer ferramentas como o estatuto do consumidor electrointensivo, comprometido desde hai case dous anos e aínda por aprobar.

PLAN SOCIAL

Segundo puido saber o Xornal da Mariña, Liberty House asegura en principio a continuidade de todos traballadores e nas mesmas condicións laborais. Este sería o plan industrial e o proxecto social da siderúrxica británica.

Tanto o comité de empresa como a CIG valoraron a proposta trala xuntanza e instaron a Alcoa a deixar paso ao posible investidor.

AS DIFERENZAS NO TOCANTE AO SUBMINISTRO DE ALÚMINA ENCALLAN AS NEGOCIACIÓNS

As negociacións entre Alcoa e Liberty House continúan nestes días, aínda por pechar a primeira fase das conversas, de cara a realizar na segunda unha ‘due diligence‘ ou auditoría da planta de aluminio de San Cibrao, que os directivos da siderúrxica británica realizarán ‘in situ’. O principal punto de desacordo entre a potencial compradora e a titular das instalacións é o subministro de alúmina.

GFG Alliance, que garante un prezo de compra acorde coa situación actual da materia prima, aspira a un contrato de fornezo de 20 anos, pois quere garantías de subministro a longo prazo como condición para realizar os investimentos mencionados. A outra opción proposta, e rexeitada por Alcoa, é a dunha opción preferente sobre a refinería, o que lle permitiría ter vantaxe á hora de comprala de renunciar a propietaria á produción.

Alcoa asegura, pola súa banda, que calquera esixencia que non pase por un pacto por como moito cinco exercicios son “pretensións non razoables e fóra do mercado“.

ESTE XOVES, MESA MULTILATERAL

O prazo límite das negociacións é o 27 de setembro, inclusive. De non concretarse unha venda, Alcoa e os sindicatos retomarán o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola multinacional. Este xoves (12.30 horas), haberá unha nova cita da mesa multilateral para fiscalizar o proceso de compra, coa presenza das centrais sindicais CC OO, CIG e UGT, o comité, a Xunta de Galicia e o Goberno central.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here