InicioEconomíaO comité pide unha mesa tripartita ás Administracións e anuncia protestas "máis...

O comité pide unha mesa tripartita ás Administracións e anuncia protestas “máis fortes” ante a “mala fe” de Alcoa

Os sindicatos aseguran que a negociación pola planta de aluminio con Liberty House segue sen avances polos "impedimentos" da propietaria, a quen esixen "responsabilidade coa Mariña"

Publicada o

- Advertisement -

O comité de Alcoa San Cibrao reclamou á Xunta de Galicia e ao Goberno central a creación dunha “mesa tripartita” para abordar a evolución do proceso de venda da planta de aluminio, dado que a propietaria das instalacións segue “actuando de mala fe”. As negociacións con Liberty House seguen en punto morto, segundo trascendeu na reunión multilateral -con sindicatos e Administracións- mantida este xoves e os traballadores atribúen esta situación á titular do complexo industrial, que “continúa a poñer impedimentos” ao traspaso.

O SUBMINISTRO DE ALÚMINA E A CANTIDADE ECONÓMICA, CHAVES DO DESACORDO

Segundo concretou o organismo de representación dos traballadores, Alcoa mantense na negativa a negociar un subministro de alúmina, a materia prima para a fabricación do aluminio, máis alá dun prazo de cinco anos, mentres que Liberty House reclama un acordo por vinte para ter garantías de fornezo a fin de realizar investimentos para abaratar a enerxía na fábrica. Os obreiros censuran que a propietaria non acceda malia que “Liberty House ofrece pagar a prezo de mercado”.

Outro dos puntos de desacordo, segundo a versión dos sindicatos, é o pacto económico, dado que “Alcoa segue sen moverse dos 50 millóns que ofrecería“.

OS SINDICATOS CHAMAN Á MARIÑA “A DAR O DÓ DE PEITO”

Neste contexto, o comité reclama a Alcoa “responsabilidade coa Mariña Lucense” e coas Administracións que representan á comunidade galega e ao conxunto do Estado. “Pedímoslle que reflexione e dea un paso a un lado para que alguén poida comprar a fábrica”, indicou o presidente do organismo de representación dos traballadores, José Antonio Zan.

As centrais sindicais solicitan así a Xunta e Executivo central a creación dunha mesa tripartita “para poñer en conxunto esta problemática que temos”, e aseguran que “teremos que convocar mobilizacións, un pouco máis fortes das realizadas, que nos axuden a levar o proxecto a bo porto”. Así, dirixíndose á poboación da Mariña, instou á veciñanza a seguir dando “o dó de peito” para acadar “o mantemento da produción e dos postos de traballo”.

ALCOA GARDA SILENCIO

O Xornal da Mariña consultou fontes de Alcoa para coñecer a súa versión sobre a reunión multilateral e o proceso de venda, declinando a multinacional facer declaracións ao respecto.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...