InicioEconomíaRenfe insiste en condicionar á demanda, "insuficiente", a restitución dos horarios suprimidos...

Renfe insiste en condicionar á demanda, “insuficiente”, a restitución dos horarios suprimidos no tren

A operadora non dá prazos para recuperar as tres frecuencias recortadas na liña Ferrol-Ribadeo durante o estado de alarma, e que non habilitou nin durante o verán nin coa volta ao colexio

Publicada o

- Advertisement -

Os usuarios da liña Ferrol-Ribadeo deberán contentarse por agora cun tren de ida e outro de volta. A operadora Renfe mantén a súa postura sobre a situación do Feve, que nos últimos días recibiu críticas tanto dos usuarios como da Xunta de Galicia, e non restituirá os horarios suprimidos -o 75% no caso do traxecto da Mariña Lucense, tres das catro viaxes diarias que se realizaban- “pois por agora non existe unha demanda suficiente para facelo”.

Renfe, que recortou as frecuencias durante o estado de alarma, con motivo das restriccións á mobilidade das persoas, mantivo os recortes en verán, cando a poboación da comarca mariñá e por ende de Ferrolterra aumentan, e tampouco ten “previsión” de recuperar as frecuencias nun momento no que comeza o curso escolar e universitario e moitas persoas volven aos seus postos de traballo tralas vacacións.

Dotar dun servizo máis amplo a estas persoas para recuperar a confianza perdida no tren, que ao longo dos últimos anos foi protagonista de constantes cancelacións por avarías ou falta de persoal, é a solicitude que fan os usuarios, convencidos de que sen máis horarios será imposible unha repunta dos viaxeiros.

“Desde o 1 de agosto a data de hoxe, o aproveitamento no corredor Ferrol-Oviedo foi do 12,2% e a ocupación media do 55,8%”, argumentan desde a operadora. No tocante ás supresións dos desprazamentos, alega que “durante o pasado mes, suprimíronse parcialmente seis trens de media distancia, tres deles por causas alleas a Renfe”, indican, sen concretar cales, “e dous no que levamos de setembro. Víronse afectados por estas incidencias oito convois e 133 viaxeiros”, salientan.

A Mariña seguirá pois, sine die, cun único tren cara Asturias e outro cara Ferrol. Nin sequera se poden usar de forma complementaria, como traxecto de ida e volta; un mariñao podería subir ás 10.18 horas en Viveiro e chegar a Ribadeo ás 11.25, pero para volver cara a Cidade do Landro tería que resolver as súas tarefas ou recados en pouco máis de seis ou sete minutos; o convoi que sae de Ribadeo cara Viveiro marcha ás 11.34.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...