Continúa a folga nas auxiliares de Alcoa, que rebaixan a presión na segunda xornada

Os obreiros das contratistas relaxan o paro, levantando o corte no acceso á fábrica e ampliando os servizos mínimos; o venres decidirán co persoal do complexo industrial a folla de ruta a seguir

Folga nas auxiliares de Alcoa. CEDIDA

Ramón González Rey/EFE. Os traballadores das empresas auxiliares da alumineira de San Cibrao, da multinacional Alcoa, rebaixaron a presión na segunda xornada da folga indefinida iniciada onte, indicou o voceiro da coordinadora que aglutina a representación sindical nas contratistas, Kike Rocha.

Os empregados desas empresas auxiliares son conscientes de que quedan poden afrontar “moitos días de loita” e de que a situación pode “prolongarse”, indicou Rocha.

A diferenza de onte, na que os obreiros instalaron unha barricada e cortaron o acceso principal á fábrica de aluminio primario, nesta segunda xornada de mobilización só realizaron un piquete informativo á entrada da factoría.

“Estanse realizando máis traballos” dentro da fábrica por parte dos empregados das auxiliares, dado que onte só se cumpriron “servizos mínimos“, comentou.

Rocha sinalou que agora hai “máis servizos mínimos” en comparación con onte, cando o seguimento do paro foi do 100%, pero tamén que “todo o mundo está atendendo ás indicacións da plataforma” asociativa convocante da folga.

O OBXECTIVO É “MANTER A TENSIÓN”

Engadiu que a situación podería prolongarse durante semanas se non se produce un acordo para a venda da factoría entre Alcoa e a firma Liberty House, do grupo GFG Alliance, que aspira a comprala.

Por iso, a plataforma tomou a decisión de “combinar a protesta na rúa, cos piquetes informativos”, e continuar o labor en “algúns traballos” nesa factoría, xa que o obxectivo é “manter a tensión” para reclamar o mantemento dos postos de traballo.

A partir de como se produzan os acontecementos, o persoal intensificará ou relaxará as protestas. O vindeiro venres, ás 12.00 horas, haberá unha asemblea conxunta co persoal de Alcoa para decidir as mobilizacións a realizar. Os obreiros do complexo industrial non poden participar na folga convocada posto que o acordo adoptado entre os sindicatos e a propietaria a fin de que accedese a abordar unha venda implica que se manteña mentres duran as negociacións a paz social na fábrica.

O PROCESO DE VENDA, ENQUISTADO

Alcoa deu por “non realista” un traspaso da planta de aluminio antes do domingo, día límite do prazo do proceso de venda con Liberty House, acusando á potencial compradora de frear o proceso con “demandas non razoables”. Desde a siderúrxica británica, consultada polo Xornal da Mariña, non quixeron pronunciarse en atención ao acordo de confidencialidade do proceso, limitándose a concretar que as negociacións continuarán até o día 27.

O subministro de alúmina é o principal obstáculo nas negociacións. Alcoa négase a un acordo de fornezo por máis de cinco anos –o tempo que, segundo os sindicatos, pretende ter aberta a refinería de San Cibrao– e Liberty House aspira, se non é posible mercar a planta, a un contrato a longo prazo, porque doutro xeito non ve posible realizar investimentos na fábrica de aluminio.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here