InicioEconomíaPontón reclama desde San Cibrao a Xunta e Goberno que "pasen das...

Pontón reclama desde San Cibrao a Xunta e Goberno que “pasen das palabras aos feitos” con Alcoa

Nunha visita aos obreiros, a voceira nacional do BNG acusa a Feijóo e Sánchez de "esconderse" nun momento "crítico" e esíxelles que se comprometan coa nacionalización da planta de aluminio

Publicada o

- Advertisement -

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou desde San Cibrao unha intervención pública para a nacionalización da planta de aluminio de Alcoa. A líder da formación nacionalista visitou aos traballadores do complexo industrial e de auxiliares, en folga indefinida, para amosarlles o apoio da súa formación “e tamén a toda a comarca da Mariña”, que viven “un momento decisivo”, a falta dunha semana para que a multinacional se pronuncie sobre o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado na factoría, da que dependen máis de 900 empregos.

Acompañada do deputado Daniel Castro ou da alcaldesa de Barreiros e coordinadora comarcal do BNG, Ana Ermida, ademais da deputada provincial Mónica Freire e doutros concelleiros da formación, Pontón lembrou que “falta só unha semana para que saibamos a decisión que vai tomar Alcoa” sobre o despedimento colectivo, e argumentou que “non temos que estar pendentes do que diga” a multinacional. “Xa nos demostrou que a súa folla de ruta é clara e o seu plan é pechar esta factoría única e exclusivamente por decisións empresariais“, expuxo.

“NON TEMOS QUE ESTAR PENDENTES” DUNHA EMPRESA “QUE QUERE PECHAR A FÁBRICA”, ASEGURA

Diante desta situación, a formación frontista apuntou aos presidentes da Xunta de Galicia e Goberno central, Alberto Núñez Feijóo e Pedro Sánchez, aos que acusou de estar “escondidos” cando “teñen na súa man manter o emprego e manter a actividade”.

A solución “é moi clara, e levámola defendendo meses: a intervención pública para a nacionalización que garanta que as cubas non se paren e que esta comarca siga tendo futuro”, xulgou. Deste xeito, preguntouse “que máis ten que pasar” para que os Gobernos autonómico e central “actúen” e que “se poñan á altura do que demanda esta comarca”.

Ambos Executivos “están parados despois de que a multinacional plantase a oferta de compra“, censurou Pontón. “Está claro que Alcoa quere paralizar esta planta, e vai en contra dos intereses dos galegos e dunha industria vital para A Mariña”, sinalou, polo que requeriu “a contundencia que esixe un momento crítico como o que vivimos, nun contexto de crise económica pola Covid-19, porque sen industria non hai futuro: non é o momento das palabras, senón dos feitos“, remarcou.

PREGUNTA NO PARLAMENTO

A voceira nacional do Bloque avanzou que o vindeiro mércores a formación frontista levará ao Parlamento galego unha pregunta para que “Feijóo se comprometa e actúe” a prol da mencionada nacionalización. A comarca da Mariña espera “que aínda que sexa ao final do proceso, os Gobernos estean á altura e poñan sobre a mesa o que faga falta para manter esta industria, e o BNG fará toda a presión institucional para que isto sexa así”, concluíu.

PUY (PP) DI QUE “NON HAI QUE PECHAR A PORTA” A NINGUNHA OPCIÓN

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, considerou este luns que as administracións deben continuar traballando para salvar o emprego da fábrica de Alcoa en, analizando que fórmula se axusta mellor á situación actual pero sen “pechar a porta” a ningunha opción.

Cuestionado por unha posible intervención pública de Alcoa, Puy recordou que pese a que a Constitución garante o dereito á propiedade tamén subliña que prima o “interese xeral“.

Por iso, desde o PPdeG non rexeitan unha intervención pública posto que por parte da multinacional hai “unha actitude incomprensible desde o punto de vista do interese xeral”, despois de que se negase á venda da planta a outra empresa e tamén ao Estado, a través da Sepi”.

De feito, rememorou que “estamos ante unha situación na que hai un ben produtivo que ten un impacto sobre unha comarca de forma decisiva, e tamén sobre a economía española e que foi declarada actividade básica durante o confinamento“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...