InicioEconomíaAlcoa insiste no xuízo en que a planta de aluminio "é deficitaria...

Alcoa insiste no xuízo en que a planta de aluminio “é deficitaria sexa quen sexa o usuario”

O letrado da empresa elude a acusación de mala fe, que os obreiros usaron "como un comodín", e atribúelles "boicotear" a posibilidade dun ERTE: "só falaban de desestimento ou venda"

Publicada o

- Advertisement -

A representación xurídica de Alcoa insistiu este xoves, na apertura do xuízo pola impugnación do expediente de regulación de emprego (ERE) presentado pola multinacional na planta de aluminio de San Cibrao, en que a factoría “é deficitaria sexa quen sexa o usuario“, polo que insistiu en que o despedimento colectivo “se axusta a dereito”.

O avogado da multinacional do aluminio, Bernardo Pérez Navas, do bufete Garrigues, comezou o seu alegato ante o alto tribunal galego asegurando que Alcoa “non descarta” pedir “a nulidade” das actuacións do xuízo por “vulneración da lei“, xa que é público e está a ser retransmitido online, porque determinadas testemuñas, entende, poden verse prexudicadas polo coñecemento das testificais, ademais de “poder vulnerarse” o dereito á intimidade.

PIDE QUE SE LEVANTE A MEDIDA CAUTELAR SOBRE AS CUBAS

Pérez Navas considerou que o despedimento colectivo que afectaría a medio milleiro de traballadores na factoría e de xeito indirecto a outros 400 empregados da industria auxiliar “é axustado a dereito”, e tamén pediu que se levante a medida cautelar en relación á prohibición de apagar as cubas de electrólise da fábrica de aluminio primario.

ATRIBÚE Á ELECTRÓLISE “XERAR PERDAS” QUE CIFRA EN 169 MILLÓNS EN TRES ANOS

O letrado insistiu en que a electrólise “é a xeradora do problema das perdas recorrentes“, que cifrou de novo nunha contía de “arredor dun millón de euros á semana; 50 no exercicio 2018, 61 no 2019 e a previsión de 58 en 2020; 169 millóns en tres anos. O prezo de venda é menor ca o custo, por iso cando máis se produce máis perdas se xera”, argumentou. No tocante á refinería de alúmina, falou dun saldo negativo “neste ano”, aínda que matizou que se espera que poida dar beneficios nos vindeiros exercicios.

ALEGA QUE TERÍA QUE VERSE COMO “UNHA BOA NOVA” A CONTINUIDADE DA FUNDICIÓN

Ao igual que fixo na vista das medidas cautelares, insistiu en que o despedimento colectivo que pretende Alcoa “non é un peche, pois non afecta a outra parte de produción e quedan 99 empregados de fundición de Aluminio Español“, onde os resultados económicos “son menos severos”, e tamén de “servizos xerais”, ademais de non ter “afectación” na “refinería de alúmina“.

Deste xeito, o ERE presentado, expuxo, “trata de evitar que o despedimento colectivo afecte á totalidade dos traballadores”, pois completa o persoal case outro centenar, e “isto tería que ser unha boa nova“.

APOIA O ERE NO PREZO DA LUZ, UN FACTOR “ESTRUTURAL”

Respecto ás causas do ERE, aludiu ao “custo enerxético“, un “problema incontestable e evidente”, dado que “hai consenso en que (a planta de aluminio) non é viable sen un marco enerxético estable de 35 euros/MWh”, mentres que o prezo da luz subiu no 2019 “a 54,19 euros”, cunha media en 2020 “de 50,44 euros”. Un factor, sinalou, de carácter “estrutural“, apoiándose para a súa exposición na falta dun estatuto das electrointensivas comprometido polo Goberno central e na retirada dunha poxa de interrompibilidade que supuña un rédito para a empresa “de ata 100 millóns” nalgunhas anualidades.

Ademais, insistiu en apoiar o ERE na “sobrecapacidade do mercado do aluminio“, aínda que non se estendeu neste punto, incidindo en que a produción de San Cibrao “representa o 0,3% do total a nivel mundial” para eludir as acusacións á Alcoa de pretender deslocalizar a fabricación do metal e introducilo a través doutros países, unha visión que comparten sindicatos e Administracións.

IMPUTA ÁS ADMINISTRACIÓNS PARCIALIDADE NO PROCESO: “A AUTORIDADE LABORAL EXTRALIMITOUSE NAS SÚAS FUNCIÓNS”

O letrado rexeitou tamén a “mala fe” atribuída a Alcoa en numerosas ocasións pola parte social e por Xunta de Galicia e Goberno central, unha acusación que segundo Pérez Navas foi “un comodín ou mantra” para os traballadores, a quenes imputou “a falta de progreso” durante o período de consultas do ERE. “Esta parte foi a única que fixo esforzos en positivo”, manifestou, escudándose tanto na aceptación dun proceso de venda –no que rexeitou ofertas tanto da siderúrxica británica Liberty House como da propia Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI)– como na presentación, durante a negociación cos traballadores, dun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) “que era unha solución perfectamente viable“.

Así, argumentou que a proposta do ERTE amosa a “apertura de mente” de Alcoa, ante a posibilidade de que o prezo da enerxía non fose un factor de falta de competitividade “estrutural, senón coxuntural“, tal e como apuntaban os traballadores, aos que acusou de “non querer escoitar ningunha alternativa” aos seus presupostos de partida e de manterse firme nunha postura de “querer só desestimento (do ERE) ou venda“.

Ao seu xuízo, “causa estupor” que a representación dos traballadores diga que o plan social non foi obxecto de negociación e que cada vez que se suscitaba unha cuestión no marco do despedimento colectivo a súa resposta era “non entrar sequera a valorala”.

REARRINCAR A MAQUINARIA “É POSIBLE”, SOSTÉN, E CUSTARÍA “ENTRE 35 E 50 MILLÓNS”

O ERTE proposto por Alcoa pasaba por asegurar a parada das cubas de electrólise, o que os traballadores ven como “a morte” do complexo industrial de San Cibrao. Pérez Navas insistiu na idea de que rearrincar a maquinaria “é posible”, cifrando a medida “entre 35 e 50 millóns de dólares, segundo a nosa estimación ou a da consultora Syndex” nun informe achegado polo comité europeo.

Segundo manifestou, “é gratuíto” dicir que non se poida levar a cabo unha “hibernación” e que sexa irreversible, e “non se poden xerar dúbidas respecto diso” de que se poidan rearrincar as cubas, como ocorreu “noutros casos”.

O PLAN DE VIABILIDADE EXPOSTO POLO MINISTERIO DE INDUSTRIA “TIÑA TODAS AS INCERTEZAS POSIBLES”

No tocante ás reiteradas advertencias da Autoridade Laboral á compañía estadounidense durante este proceso, asegurou que a Consellería de Xustiza “se extralimitou nas súas funcións”. Ademais, criticou que o Ministerio de Industria presentou no marco da mesa multilateral polo futuro da planta “un suposto plan industrial e enerxético á carta” para Alcoa “con todas as incertezas posibles, programático e intanxible”.

Con respecto ao frustrado proceso de venda, argumentou Alcoa que o desacordo “non se produciu por falta de tempo“, senón por “diferenzas insalvables“, insistindo en atribuír a Liberty House a pretensión de que a compra de aluminio fose a palanca para acceder á refinería de alúmina.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...