A Xunta aplicará en Viveiro o nivel máximo de restricións e o medio-alto en Xove, que tamén pechará

A hostalería no municipio viveirense só poderá abrir as terrazas e ata media tarde, e no xovense ao 30% no interior e ao 50% no exterior; limítanse as reunións a un tope de catro non conviventes

Consistorio de Viveiro. CONCELLO DE VIVEIRO

A Xunta de Galicia vén de acordar, trala reunión do comité clínico da Consellería de Sanidade que fai seguimento da evolución da covid-19 en Galicia, que os concellos de Viveiro, Verín, Monterrei, Castrelo do Val, Cualedro, Noia e Lousame, pasan ao nivel máximo de restricións. Verín, Monterrei, Castrelo do Val e Cualedro forman un perímetro conxunto. O mesmo que fan Noia e Lousame.

As restricións máximas son o peche perimetral; o servizo de hostalería só en terrazas, ao 50% e ata as 17.00 horas; e as reunións dun grupo máximo de catro persoas non conviventes. Viveiro acumulaba 58 positivos novos nos últimos 14 días, segundo o reconto ofrecido polo Sergas este luns.

Así mesmo, o Goberno autonómico decidiu suavizar as medidas restritivas nos concellos de Lugo, Ponteareas e Rodeiro, que pasarán ao nivel básico de restricións, co que se suprimirá a limitación de mobilidade.

Igualmente, o comité clínico acordou que os concellos de Redondela, Barro, Xinzo de Limia, Carral, Xove, Muros, Outes, Porto do Son e A Pobra do Caramiñal pasan ao nivel medio alto de restricións. É dicir; a hostalería poderá abrir cun 30% no interior e un 50% no exterior, as reunións serán de catro persoas non conviventes como moito e a mobilidade estará limitada ao perímetro. No termo municipal xovense localizáronse 40 contaxios novos nas últimas dúas semanas.

APLICARANSE DESDE A MEDIANOITE DO MÉRCORES

Tras analizar a evolución epidemiolóxica no conxunto de concellos galegos, a Xunta tamén acordou engadir ao listado de concellos con vixilancia especial a Val do Dubra, Vedra, Padrón e Rois.

Todas estas medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia de mañá martes e entrarán en vigor ás 00.00 horas do mércores. Mañá martes a Consellería de Sanidade informará da actualización de medidas do fin de ano para Galicia.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here