IniciosociedadeA Xunta elude dar prazos de finalización das obras no colexio de...

A Xunta elude dar prazos de finalización das obras no colexio de Cervo

As actuacións no exterior do centro, que provocan filtracións de auga a través das fiestras, poderían alongarse ao requerir de tempo seco para completar o selado

Publicada o

- Advertisement -

A Xunta de Galicia non ofrece polo de agora un prazo para a finalización das obras no Ceip de Cervo. Case dous meses despois da data fixada para o inicio do curso -o pasado 11 de setembro, cando as familias decidiron por unanimidade non levar os nenos ao colexio ante a falta de hixiene e seguridade-, a reforma do centro educativo está lonxe de rematar e podería alongarse máis alá do inverno.

Consultada sobre esta cuestión, a Consellería de Educación non ofrece prazos para a finalización das obras, que, asegura, “estanse desenvolvendo con normalidade no contexto das condicións meteorolóxicas actuais e das condicións horarias. Co novo horario de inverno, anoitece moito antes polo que os traballos teñen que comezar e rematar antes”.

O Goberno autonómico xustifica deste xeito que se realicen as actuacións en horario lectivo, unha das queixas formuladas pola Asociación de Nais e Pais (Anpa) da escola, que advertiu do “ruído de taladros e maquinaria” que padecen alumnado e profesorado e de que o centro “segue a ser un colexio en obras” malia a insistencia da Xunta en asegurar que a escola estaba “lista” para a apertura do exercicio.

FILTRACIÓNS DE AUGA

Non foi o único problema sinalado polas familias, que -en pleno novembro- denunciaron a inoperatividade da nova caldeira de biomasa instalada no marco da reforma do centro, goteiras ou filtracións de auga a través das fiestras. Desde a Consellería de Educación admiten que “hai humidades que se filtran polas ventás debido a que as actuais condicións climatolóxicas non permitiron aínda acometer o selado exterior co sistema SATE“.

Esta é precisamente a principal dificultade, xa que os traballos no exterior requiren para completarse de semanas de tempo seco, o que, en pleno outono e co inverno por chegar, podería estirar os prazos dunhas actuacións que a Xunta prevía listas “en dúas ou tres semanas” despois do inicio do curso.

SEN CALEFACCIÓN ATA, MÍNIMO, O LUNS

Este venres, directivas da Anpa, Concello e empresa adxudicataria mantiveron unha reunión na que se espuxo a situación. Co compromiso de reforzar o persoal para rematar o antes posible, tentarase, mentres non se finalizan as obras, reducir as filtracións de auga e dotar dunha calefacción ao centro, dado que por agora non é posible utilizar a nova caldeira de pellets nin tampouco o vello depósito de gasoil do centro -o pasado martes, a dirección encargou combustible para acendelo-, que non arrinca.

O compromiso é habilitar un depósito de gasoil desde outro centro educativo a partir do vindeiro luns, coa previsión de que a caldeira de biomasa estea lista desde o mércores. No tocante ao extractor da cociña, está orzamentado e agárdase que sexa colocado nos vindeiros días.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...