Semana chave para Sargadelos, sobre a que En Marea preguntará á Xunta

Se o xuíz non intervén antes, o martes celebrarase a asemblea de traballadoras para destituír á sindicalista de UXT

Segismundo García. AXM

Tras uns días sen novidades na fábrica de cerámica de Sargadelos, co conselleiro delegado, Segismundo García, de descanso fóra de España, achégase unha semana chave para a resolución do conflito laboral na empresa, iniciado cando o dirixente do grupo empresarial anunciou 49 despedimentos -dos que executou 21para acadar a renuncia da delegada sindical da Unión Xeral de Traballadores (UXT), Rogelia Mariña.

Tras presentar o sindicato e maila súa representante senllas denuncias contra a empresa e o propio García, que alegaron, o Xulgado nº 2 do Social de Lugo decidirá se intervén de forma cautelar, como pide a UXT. Se o xuíz non considera oportuno adoptar medidas inmediatas, ou se o colapso da xustiza o impide, o xuízo celebrarase o 21 de outubro.

a uxt agarda que o xuíz interveña con rapidez e o empresario confía en que a asemblea de operarios cese a mariña

O vindeiro martes, ás 15.00 horas, celebrarase unha asemblea de traballadoras forzada por un grupo de operarias que di non sentirse representado pola sindicalista da UXT. O mermado cadro de persoal de Sargadelos está chamado a apoiar ou frear co seu voto a destitución de Mariña. Para que o resultado teña validez precisarase a maioría dos sufraxios escrutados.

Ese mesmo día, os servizos xurídicos da empresa -tamén os de Comisións Obreiras (CC OO), Confederación Intersindical Galega (CIG) e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEL)- están citados para un acto de conciliación que non solucionará o conflito, xa que este tipo de encontros serven para evitar a vía xudicial, xa iniciada.

O que semella imposible, alomenos por agora, é unha saída pactada ao conflito. García, que impediu a Mariña reincorporarse ao seu posto de traballo, fía a súa estratexia a saír vencedor da asamblea do persoal e UXT pon as súas esperanzas no xuíz, fracasadas as negociacións entre a empresa e o sindicato.

durante as súas vacacións, garcía respondeu ao secretario xeral da uxt, sindicato ao que acusou de “querer apaños”

CRUCE DE ACUSACIÓNS

Mesmo durante súas vacacións, García contestou a un artigo publicado por Pepe Álvarez, secretario xeral da UXT, que calificou a situación de Sargadelos como “un dos ataques á liberdade sindical máis descarado dos últimos anos“. O conselleiro delegado do grupo empresarial enviou un comunicado á prensa no que lle ofreceu ao sindicalista “a empresa barata” e aludiu incluso ás negociacións para asegurar que “o seu sindicato quería indemnizacións e apaños e quen me neguei fun eu“. 

PLENO DO PARLAMENTO

En Marea anunciou que instará á Xunta de Galicia no Parlamento galego a actuar contra a “vulneración de dereitos” na fábrica cervense de Sargadelos. Así, a formación política explicou nun comunicado que preguntará ao Executivo autonómico “que ten que dicir” sobre a situación da factoría.

A deputada por Lugo, Paula Vázquez Verao, acusa ao conselleiro delegado de “xogar co legado dunha marca emblemática e co emprego na fábrica” e afirma que o conflito débese “á súa intención de baixar os salarios e de botar un pulso aos sindicatos”.

en marea acusa ao conselleiro de legado “de xogar co emprego e co legado da marca só para baixar salarios”

Por iso, En Marea levará estas cuestións ao pleno e urxirá á Xunta a que “diga algo ante a situación de vulneración dos dereitos laborais” por parte da empresa. “Queremos saber que fará o Goberno galego para preservar o legado cultural de Sargadelos”, concluíu Vázquez Verao.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here