Alcoa en branco e negro: A evolución dunha fábrica que marcou a toda a Mariña

O veciño de Cervo Juan Maya presenta un traballo no que conxuga fotografía con podcasts para retratar a relación dos mariñáns co complexo de Alcoa.


Foi por 1980 que as fábricas do complexo industrial de Alcoa –porque son varias, e non só unha– arrincaron a súa andanza no concello mariñán de Cervo. Ese foi un ano grande para a industria galega: por eses mesmos meses botara tamén a andar a térmica de Meirama, que se sumaba á central das Pontes, instalada poucos anos antes.

Hoxe o futuro do que nun momento foi o trío dominante do sector secundario galego pende de tres respectivos fíos. O caso de Alcoa, enormemente máis mediatico, leva xa máis dun ano estancado ante a falta de entendemento da empresa cunhas institucións públicas ás que o comité de traballadores acusan de non implicarse na negociación e a protección dos postos de traballo.

Precisamente o estudante e veciño de Xove Juan Maya decidiu escoller este momento “crucial” na historia do complexo para desenvolver un retrato que agora queda reflectido en ‘A fábrica entre nós’, unha obra que conxuga material fotográfico con podcasts para retratar o traxecto de Alcoa na Mariña e as distintas aristas desa relación que, segundo apunta, se palpa entre os mariñán e a enorme estrutura.

FÁBRICA “SEMPRE PRESENTE”

De aí que a silueta da fábrica estea presente sempre “dalgunha forma” nas 27 fotografías que conforman a dimensión visual da proxecto, e que serán presentadas polo propio autor o vindeiro sábado 19 ás 18:30 no Museo Provincial do Mar. De aí irán ao Museo Provincial de Lugo, onde terá lugar un encontro presencial o vindeiro día 23 no cal Maya aproveitará para explicar esa relación entre poboación e fábrica que comezou coas primeiras folgas na construción do complexo, realizado aló polos distantes anos 70.

A serie fotográfica “vén a complementar unha parte da narración”, destaca o autor, motivo polo que foron retratadas algunhas das persoas entrevistadas no primero episodio do pódcast (cuxa estrea está prevista para finais do presente mes), como por exemplo o presidente do comité de empresa de Alcoa San Ciprián José Antonio Zan, o hostaleiro e membro despedido do comité de empresa de Inespal Ramón Míguelez Tola e o carpinteiro de ribeira Francisco Fra Rico.

‘A fábrica entre nós’, destaca o autor, está formulado á imaxe dunha grande pregunta que se espalla e ramifica e para a cal será o espectador quen teña que procurar resposta.  “Interesábame contar esta historia dende o maior número de puntos de vista diferentes”. A incerteza que latexa nesas instantáneas en branco e negro e a do tempo que se detén, precisamente, nos momentos de maior vertixe, cando o cambio se aproxima e centos de familias conteñen a respiración ante o que virá. Iso é o que queda retratado nas instantáneas a branco e negro de Maya: “Non sabemos como será San Cibrao nun par de meses, nin sabemos como será a Mariña”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here