Alcoa manterá as cubas pechadas ata 2024

O comité de empresa asegura que o compromiso da compañía é "firme".

Instalacións de Alcoa en San Cibrao. EFE/Eliseo Trigo

A multinacional americana do aluminio Alcoa non abrirá as cubas da factoría de San Cibrao, no municipio de Cervo, máis de 500, ata a data comprometida do 1 de xaneiro de 2024. Este aviso comunicoullo a propia multinacional aos traballadores e ao comité de empresa, polo que sinalou que ata ese día non se fará o rearranque, aínda que antes dese momento se concluíse xa cos investimentos na factoría ou coa instalación de parques de renovables para abaratar a factura enerxética.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, asumiu que teñen que darse “conta de que o obxectivo é arrincar no ano 2024″. “E así nolo dixo o delegado que aínda que houbese acordo (no contrato de compravenda de enerxía entre un xerador e un comprador por un longo prazo de tempo) ou non”, explicou.

“Ese compromiso é xa firme por Alcoa, de arrincar si ou si o un de xaneiro de 2024”, explicou. Polo demais, Zan destacou que “seguen avanzando os novos investimentos”, que tamén comprometía a multinacional para a planta de Cervo.

Ademais, constatou que tiveron “a visita do persoal da Oficina Técnica de Canadá, para estudar o investimento máis difícil que é o forno de cocción”. “Mantéñense os tempos no tema dos investimentos, con algunha que ten un pequeno atraso polo provedor. Pero no computo xeneral van todos os investimentos segundo as previsións da empresa”, celebrou.

En canto aos parques de renovables, o sindicalista de Comisións Obreiras desexou que “de aquí” a finais de maio “se concreten os de Greenalia e Capital Energy, pero sobre todo Greenalia que ten o contrato máis grande para producir megawatts”. Do día a día na factoría da Mariña, comentou que é “moi estraño”, aínda que puntualizou que no departamento de alumina “faise o día a día con total normalidade”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here