O alcalde de Ourol xustifica colgar unha ovella morta nunha ponte como “protesta” ante os ataques do lobo

Pajón asegura que "este depredador está a ocasionar todos os días perdas moi importantes aos gandeiros".

José Luis Pajón. AXM

O alcalde de Ourol, José Luís Pajón, xustificou que algún veciño deixase colgada a unha ovella morta nunha ponte na estrada LU-540 na parroquia de Merille. Xunto ao corpo do animal aparecía unha pintada na que se podía ler “perigo lobo”. Para o alcalde, está claro que se trata dun “acto de protesta” e “reivindicativo do traballo do gandeiro” ante os ataques que sofre o gando por parte do lobo.

Pajón asegura que “este depredador está a ocasionar todos os días perdas moi importantes aos gandeiros, sobre todo na serra de O Xistral”. Lembra que hai un mes, precisamente onde aparecía colgada esa ovella, en Merille, aparecían mortas “cinco ovellas”. Así mesmo, a semana pasada houbo “sete ovellas que foron atacadas tamén preto das casas”.

“É unha situación que nunca se deu, un ten tamén medo pola xente maior e polos nenos”, explicou. O rexedor indica que, diariamente, chéganlle queixas da presenza de varias “mandas, de tres ou catro lobos que se viron no Xistral”. Pon de exemplo o ataque a un poldro, “que tiña unha veciña preto de casa”.

“Os gandeiros non queren subvencións, nin que se extermine ao lobo, o que queren é que haxa un equilibro; e como a poboación do lobo está desequilibrada totalmente e non hai ningún depredador que lle faga fronte para minguar a súa poboación, vémonos nesa situación”, subliñou.

Finalmente, o alcalde de Ourol criticou a nova normativa de protección “absoluta” do lobo, pois se queixa de que as alegacións que presentaron na zona “nin sequera as contestaron”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here