A Xunta arranxará con 363.000 euros 21 centros educativos da Mariña

As obras de mellora beneficiarán a 17 colexios e catro institutos de doce municipios

Visita de Balseiro ao CEIP Santa Rita de Galdo. AXM

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional programou novas actuacións de mellora en 21 centros educativos da Mariña Lucense -17 colexios e 4 institutos- que suman un orzamento aproximado de 343.000 euros.

Así, no CEIP Santa Rita de Galdo, en Viveiro, instalarase unha nova soleira no parque infantil e colocarase pavimento de caucho. O delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, visitou este luns o centro.

Segundo avanzou Balseiro, no concello de Viveiro tamén está previsto reformar os baños da primeira planta do CEP Lois Tobío; cambiar portas no CEIP de Celeiro e realizar reformas na carpintería interior e exterior da EEI San Roque.

Ademais, proxéctase substituír fiestras no IES Vilar Ponte e instalar unha escaleira de emerxencia no IES María Sarmiento.

Polo que respecta aos demais municipios da zona, as accións programadas inclúen o acondicionamento do chan das aulas de infantil do CEIP do Vicedo; reformas no patio do CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove ou cambios na instalación de fontanería do CEIP Santa María do Valadouro.

A ampliación da biblioteca do CEIP Vista Alegre de Burela; cambio de caldeira do CEIP nº 1 de Foz e dos canlóns da cuberta do tamén focego CEIP O Cantel son outros dos proxectos programados.

Tamén se acometerá o cambio de caldeira no CEIP Juan Rey de Lourenzá e traballos para substituír ventás nos CEIP Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo, CEIP plurilingüe da Pontenova e CEIP de Riotorto.

Así mesmo, está prevista a mellora dos aseos infantís da planta baixa do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo e a revisión da instalación eléctrica dos CEIP San Miguel de Reinante e San Cosme, en Barreiros.

Igualmente, no IES Monte Castelo de Burela actuarase na instalación de calefacción do centro e no IES plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo está previsto substituír fiestras.

DATAS DE INICIO DAS OBRAS

Os proxectos executaranse ao abeiro do plan de rehabilitación, ampliación e mellora (RAM) dos centros educativos e, segundo expón a Xunta, as datas de inicio están condicionadas polo calendario lectivo, de xeito que as obras non interfiran no normal desenvolvemento das clases.

Así, nalgúns casos tratarase de traballar en períodos como Entroido ou Semana Santa, e noutros actuarase durante as vacacións de verán coa previsión de ter as actuacións rematadas de cara ao vindeiro curso.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here