A importación de pescada irlandesa fixo caer os prezos nas lonxas de Burela e Celeiro

O Goberno precisa que se introduciron 328,4 toneladas desta especie en Galicia procedente de Irlanda entre 2015 e 2018, o que segundo En Marea "motivou a caída das cotizacións"

Pescada do pincho de Celeiro. PORTO DE CELEIRO

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación cifrou 328,40 as toneladas de pescada procedentes de Irlanda importadas en Galicia no período comprendido entre os anos 2015 e 2018, no que caeron os prezos desta especie nos portos da Mariña Lucense, tanto en Celeiro como en Burela.

O Goberno central achegou as estatísticas de importacións de pescada de Irlanda desde 2015, con 60,41 toneladas. No 2016 alixáronse 117,77 toneladas, polas 94,67 de 2017.

No tocante ao 2018, as cifras ascenden a 45,55 toneladas, para un total neste período de 318,40 toneladas desta especie pesqueira.

O Executivo respondeu así a petición do deputado de En Marea por Lugo no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, que lle trasladou ao Executivo a “alarma e a preocupación do sector pesqueiro” da bisbarra debido á “brusca caída nos prezos da pescada” que se detectou o ano pasado.

O Ministerio de Pesca recoñeceu o problema dos baixos prezos da pescada que afecta ás lonxas de Celeiro e Burela na Mariña, entre outras, e admitiu o volumen de importacións.

Fernán Vello resalta que “pódese observar como en abril do ano pasado se disparou a introdución de pescada de Irlanda, así como en decembro pasado, unha situación que explica a caída dos prezos”.

PRINCIPAIS PORTOS DE EUROPA

Fernán Vello remarca que a pesca e venda da pescada na Mariña Lucense “é unha actividade de coñecemento público, que ten un prestixio debido á calidade do produto e que se debería preservar” e lembra que Celeiro e Burela son os principais portos de pescada de Europa.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here