Pacientes quedan sen atender por falta de médicos no centro de saúde de Viveiro

O Sergas citou aos doentes para a quenda de tarde pero non atopou substituto para os dous facultativos que faltan

Centro de saúde de Viveiro. AXM

A CIG-Saúde denuncia que o pasado martes pola tarde quedaron pacientes sen atender no centro de saúde de Viveiro ao estar só dispoñible un dos tres médicos que traballan nesa quenda.

O sindicato nacionalista sinala que varias persoas foron citadas no ambulatorio para consultas ás tres da tarde e que tiveron que marchar tres horas despois ao indicarlles o persoal do centro que non ían ser atendidas.

“O SERGAS NON CUBRE PERSOAL”

Esta situación deuse pola ausencia de dous facultativos, un deles de vacacións e outro en período de excedencia, que quedaron sen substituto. “O Servizo Galego de Saúde (Sergas) nega esta práctica irresponsable e temeraria de non cubrir persoal, o que desminten día a día as denuncias que nos chegan dos pacientes da Mariña e as follas de reclamacións que rexistraron os que quedaron sen asistencia sanitaria”.

A CIG-Saúde lamenta que “as persoas que tiñan que tramitar partes de baixas tiveron que explicar nas súas empresas que non había médico para elas no centro de saúde”, como se ve na reclamación adxuntada. 

Dende a central nacionalista alertan da “perda de calidade asistencial”, que atribúen a un “desmantelamento intencionado da sanidade pública”, e sinalan que na quenda da mañá hai dous médicos sen cubrir durante todo o verán; unha facultativa que marchou por un nomeamento político e un médico que se xubilou”. 

Reclamación. AXM

SITUACIÓN “PUNTUAL”

Fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas) recoñecen que se citou aos doentes porque se prevía contar cun substituto, “pero non foi posible atopar outro médico”. Aseguran que se trata dunha situación “puntual” e argumentan que “a asistencia sanitaria estivo garantida en todo momento” ao haber outros dous profesionais do Punto de Atención Continuada (PAC), situado no mesmo edificio. Si o estivo en caso de darse algunha emerxencia, non así no de moitas persoas que non poideron recibir consulta.

Desde o Sergas subliñan que “durante o verán increméntase nun médico a quenda de noite do PAC de Viveiro e tanto nos festivos como durante a romería de Naseiro auméntase a tres equipos as presenzas no Punto de Atención Continuada”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here