Sergas: “Esperamos non aplicar novas restricións na Mariña”

Advirte que seguen aparecendo novos casos da Covid na comarca. "Cremos que o brote está estabilizado e confiamos en non ter que aplicar medidas máis duras", di sobre o foco de Viveiro.

Persoal sanitario realiza unha proba de PCR. EFE/SALVADOR SAS

O xerente da área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, confirmou que a situación da pandemia nesta provincia pode considerarse como estable, “con 50 ou 55 casos por cada 100.000 habitantes a catorce días”, aínda que seguen aparecendo casos na Mariña e en Lugo cidade, que é onde se concentra a maior porcentaxe de poboación.

En canto á situación na localidade de Viveiro, que se mantén no nivel alto de restricións por decisión do comité clínico, Ares asegurou que por parte do Sergas adoptáronse todas “as medidas necesarias” para evitar que haxa que aplicar restricións aínda maiores nesa poboación.

“Cremos que o brote está estabilizado e confiamos en non ter que aplicar medidas máis duras. É o que esperamos, pero tampouco somos adivinos. Estamos a traballar para que non haxa que aplicar máis restricións”, dixo Ares.

En canto á localidade de Vilalba, onde case 500 persoas foron sometidas a un cribado no Instituto de Secundaria Santiago Basanta Silva, entre alumnos e persoal do centro, Ares precisou que todas as probas deron negativo. Vilalba é, xunto con Xove, Cervo e Monforte, un do tres municipios lucense que están no nivel medio de alerta.

NOVOS FOCOS

Aínda que o número de casos activos subiu lixeiramente nos últimos días, Ares lembrou que hai só unhas semanas a de Lugo era a área sanitaria que menos casos tiña, pero “o virus está a circular e non chegamos aínda ao nivel de vacinación necesario para alcanzar unha inmunidade de rabaño”. Con todo, asegurou que poden seguir aparecendo brotes.

En canto aos brotes activos neste momento, dixo que están “estabilizados” e, polo menos de momento, non se produciu un crecemento explosivo no número de caso.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here