Viveiro acolle os exames de inglés da Universidade de Cambridge para alumnado de terceiro e sexto de Primaria

É a primeira vez que o concello acolle estas probas.

Alumnado do colexio co especialista de conversa en inglés no CEIP CELSO CURRÁS antes da Pandemia / remitida

O Concello de Viveiro facilita o uso de instalacións municipais para acoller, por primeira vez no municipio, as probas “Young Learners” que realiza a Universidade de Cambridge para acreditar o nivel de coñecemento de lingua inglesa para nenos e nenas en idade escolar.

As probas terán lugar na sala multiusos da casa do concello e na sala de exposicións da biblioteca municipal o 29 de xuño de 2021. Están convocados 35 aspirantes de entre terceiro e sexto de primaria, para ser examinados de tres niveis diferentes: Starters, Movers e Flyers, correspondentes aos grados pre-A1, A1 e A2 do Marco Común Europeo de Referencia das Linguas.

Segundo informa o concello nun comunicado, a universidade británica envía para a celebración destas probas a Eva Souto, responsable de Cambridge Studies SL, e ao seu equipo de examinadores oficiais, co fin de velar por un correcto desenvolvemento das probas.

Clara Martínez, responsable da academia English Time, centro preparador oficial de Cambrigde, destaca a importancia da realización destas probas en Viveiro, facilitando o acceso ás familias ás mesmas, e adianta que sería un grande avance que a vila se consolidara como lugar de referencia para a celebración de vindeiras destes exames.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here