InicioOccidentalViveiroAdrián Ben, o rapaz “humilde” de Viveiro que fixo historia nos Xogos...

Adrián Ben, o rapaz “humilde” de Viveiro que fixo historia nos Xogos Olímpicos

Foi o primeiro español que conseguiu clasificarse para unha final de 800 metros, na que conseguiu un merecido quinto posto. O que fora o seu adestrador de pequeno, Pedro Esmorís, destaca a súa constancia, traballo e compañeirismo.

Publicada o

- Advertisement -

O atletismo galego está de celebración. A ribeirense Ana Peleteiro conseguiu a medalla de bronce nos seus primeiros Xogos Olímpicos e o viveirense Adrián Ben logrou ser o primeiro español que chega a unha final olímpica de 800 metros, na que acadou unha extraordinaria quinta praza. Todo un fito que pon de releve a calidade dos deportistas galegos.

Pedro Esmorís, técnico da Agrupación Deportiva San Roque, tivo a oportunidade de adestrar a Adrián nos seus primeiros pasos no atletismo, cando aínda adestraba polo paseo marítimo de Viveiro e estudaba no colexio do pobo. Aínda que Esmorís indica que na agrupación sempre tiveron unhas xeracións de deportistas moi bos, “a Adrián xa se lle vía que tiña algo diferente dos demais”. Destaca o responsable que era para a idade que tiña a as súas condicións físicas e mentais.

Adrián xa tiña claro con 13 anos que quería ser atleta e non parou ata conseguilo. “Ten unha fortaleza mental fóra do común. Sempre foi moi constante, traballador e moi bo compañeiro. Ao final reúnense nel unha serie de características que fixeron que chegara a onde chegou”, di Esmorís. E é que o adestrador confesa que moitas veces aparece xente que é moi boa pero que ten algunha debilidade que lle impide prosperar no deporte. En cambio con Adrián Esmorís móstrase rotundo. “Eu sempre dixen que si non se lesiona o límite vaino poñer el”.

HUMILDADE

O que máis destaca o seu adestrador deste atleta é que, a pesar de conseguir os seus soños e converterse nun atleta consagrado, segue sendo igual a cando adestraba en Viveiro. “Eu creo que non cambiou nada. Ten os mesmos amigos, coida moito da súa familia… el é un rapaz máis do pobo”, explica Esmorís.

Tamén comentou que na actualidade seguen mantendo moi boa relación e que falou con el despois de disputar as semifinais do campionato. Ante a final que se disputou este mércores, o preparador comenta que Adrián estaba “moi forte e convencido”. Tamén recalca que non chegou á final por casualidade e que loitou con todas as súas forzas para chegar ata alí. “A sorte hai que buscala. El é un loitador nato e non se rende fácil”, recalca. Ademais, tamén expuxo que, a pesar de conseguir un máis que merecido quinto posto, a eles lles daba igual o resultado. “Imos estar contentos igual, porque o que fixo este rapaz é incrible”, destaca. Igualmente tamén comenta que na final vía moita igualdade e que podía pasar calquera cousa.

MÁIS INVERSIÓN E INSTALACIÓNS

Adrián comezou adestrando en Viveiro sen os recursos nin medios adecuados para a preparación. Por iso, en canto o atleta quixo apostar polo deporte e os preparadores viron que había progresión tiña que desprazarse ata Lugo – que está a 100 quilómetros da Comarca- para poder adestrar nunhas boas instalacións e competir habitualmente. “O que ten pasado el e a súa familia para levalo a adestrar. Tiñan que levalo a cen quilómetros, unha hora de camiño, despois adestraba hora e media ou dúas e volta para aquí. Hai moito sacrificio detrás”, explica Esmorís.

De feito, o preparador denuncia que debería haber máis apoios. “Hai unha relacións moi grande entre a inversión e os resultados. Se hai instalacións, técnicos, competicións…ao final acaban saído cousas”, indica. Ademais, tamén comenta que hai xeracións moi boas pero que acaban deixando a competición porque non lles compensa. “A relación entre o esforzo, a dedicación e a compensación económica hai a xente que ao final non lle interesa”, di Esmorís.

Con todo, o monitor espera que o gran resultado de Adrián nos Xogos Olímpicos sirva para que se faga unha pista de atletismo en Viveiro que lle poida dar pulo á demanda que hai no pobo viveirense.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...