Mobilizacións en Viveiro polo “desmantelamento” da sanidade pública

A Plataforma Sanitaria da Mariña denuncia que no centro de saúde houbo menos do 50% de médicos do que é habitual e denuncian as continúas deficiencias na Atención Primaria.

Concentración contra o desmantelamento da sanidade pública en Viveiro

Unha concentración clamou este xoves contra o “desmantelamento” dos servizos de atención primaria do Servizo Galego de Saúde en Viveiro, onde, segundo os convocantes da protesta, os médicos atenden unha media diaria de “entre 90 e 100 persoas”. Así o relatou unha das portavoces da Plataforma Sanitaria da Mariña, Montse Porteiro, durante a protesta, que tivo lugar ás portas do centro de saúde da localidade mariñá encabezada por unha pancarta que tiña como lema ‘Contra o desmantelamento da atención primaria’.

A mobilización contou coa participación do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, que responsabilizaron á Xunta do “enfraquecemento” dos servizos sanitarios na zona e pediron ao presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, que “rectifique” as súas políticas.

A deste xoves, segundo concretou Porteiro, é “a continuación dunha serie de mobilizacións que veñen facendo ao longo de toda a comarca da Mariña nos centros de saúde” para alertar do que denuncian como “un ataque dirixido” cara á atención primaria, “a base” do sistema asistencial para “construír unha sanidade próxima e de calidade”.

“Cando falla a base, os edificios desmoronan”, advertiu Montse Porteiro, que asegurou que a situación que atravesa o centro de saúde de Viveiro tamén se dá noutros puntos de Galicia pola “non substitución” do persoal.

No caso concreto do centro de Viveiro, Porteiro detallou que “no centro son sete médicos no persoal na quenda de mañá pero houbo tempadas este verán e anteriormente que había só tres médicos pasando consulta, é dicir diminuíra o persoal en máis dun 50 por cento“.

Na quenda de tarde, continuou, “houbo algún día que non se contou co servizo de ningún do tres médicos” que fan esa quenda.

Así as cousas, a portavoz da plataforma Sanitaria aseverou que “o persoal facultativo ten que atender ata 90 ou cen persoas nun día” durante unha tempada estival na que a poboación de Viveiro “chega a multiplicarse por cinco”.

CABALLERO E ALCALDESA

Durante a protesta, o responsable do Partido Socialista en Galicia mostrou a súa “preocupación” pola situación dos servizos sanitarios en Galicia, especialmente a atención primaria, onde “hai listas de espera de forma estrutural, algo que non se pode asumir como normal”.

Neste sentido, criticou que “non se cubran baixas, xubilacións ou vacacións”, o que, segundo Caballero, implica que “en moitas áreas sanitarias haxa que esperar moitos días para ser atendido en atención primaria”.

Nesta liña, asegurou que a espera é de “ata 26 días” nalgúns distritos sanitarios, situación da que responsabiliza “ás políticas” dun Partido Popular na Xunta a quen afea “substituír” a atención presencial “por un sistema de telefonía”.

Por tanto, apelou a continuar coas mobilizacións para forzar ao Goberno galego a “rectificar as súas políticas sanitarias”, nas que “van de chapuza en chapuza”.

Pola súa banda, a alcaldesa viveirense apuntou que as denuncias de “falta de medios” se levan dando “desde hai anos”, pero a pandemia fixo que vaian “a máis” porque “se agravaron as deficiencias”.

“Pedimos que se cubran as prazas e se poñan os medios suficientes”, aseverou Loureiro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here