InicioDeportesPedro Esmorís: "O impacto da CAMOVI está en pasar de 150 participantes...

Pedro Esmorís: “O impacto da CAMOVI está en pasar de 150 participantes en 2011 a 900 en 2019”

Pedro Esmorís, Oracio Albo e Felipe Martínez son o equipo que bota todo o ano preparando a Carreira polos Montes de Viveiro (CAMOVI). Fano con voluntarios e voluntarias ademais do apoio do Concello de Viveiro e da Secretaría Xeral para o Deporte, ademais de patrocinadores locais. A CAMOVI cumpre o seu X Aniversario e resulta interesante coñecer de primeira man como naceu e se foi consolidando unha carreira que para cada edición supera amplamente a participación da anterior.

Publicada o

- Advertisement -

-Todo está preparado para a X Edición da CAMOVI en Viveiro. Dez anos de rutas e carreiras polos espazos naturais do concello. Contabades chegar aos dez anos deste encontro?

Si, porque unha vez xa coa idea en marcha nunca marcas até onde chegarás. Nós fómola arranxando con moita ilusión porque nesta zona non había eventos como este cando comezamos. Daquela había un par de probas de carreira por montaña en toda Galicia. Entón houbo un contacto coa Federación para organizar unha competición aquí para así poder crear unha Copa Galega. Así pois, entre os contactos coa Federación, a ilusión que nós tiñamos fomos buscar o apoio do daquela alcalde Melchor Roel. Cando lle presentamos o proxecto el pensou se habería espacio suficiente para facelo e tamén nos preguntou que buscabamos. A nosa resposta foi que unha proba así pode botar raíces nun lugar e a partir de aí foi cando comezamos a dialogar sobre esta proposta, finalmente deunos o apoio do Concello e desde aquela aquí estamos.

-Falas en plural, quen foi ás reunións cos organismos a onde vos achegastes?

Eramos un grupo de amigos que faciamos carreiras de orientación, de montaña e aventura. A raíz diso foi cando comezamos a falar de crear unha competición que una os picos máis altos que arrodean Viveiro. Non eramos deportistas profesionais, mais si practicabamos deporte. Eu fixera ciclismo, atletismo na escola e estou vinculado ao deporte porque son profesor de Educación Física e tamén son adestrador nacional de natación e atletismo. Dunha maneira ou outra estou vinculado ao deporte e á organización de eventos.

-Como é a implicación do Concello de Viveiro actualmente?

O Concello é o piar principal desta carreira para chegarmos ao nivel en que estamos hoxe por hoxe. Desde o primeiro momento foron conscientes de que se non tiñamos apoios institucionais a calidade de atención, administración e servizos para a carreira non sería igual. Sen ese apoio loxístico e económico non poderiamos levar para adiante este proxecto. Tamén debo destacar o apoio da Secretaría Xeral para o Deporte ademais de patrocinadores particulares e empresas locais de pequeno comercio. Realmente buscamos a implicación de todos os sectores do concello para sacar adiante o evento. Estamos agradecidos a todos.

fomos buscar o apoio do daquela alcalde Melchor Roel e Cando lle presentamos o proxecto el pensou se habería espacio suficiente para facelo

-Hai diferentes niveis dentro da CAMOVI, maratón, media maratón e percorrido de 10 quilómetros ademais de probas xuvenís e infantil.

Cando comezamos coa primeira edición, aquilo só era unha carreira de 40 quilómetros, non era nin maratón. Sobre o mesmo percorrido fixemos outra de 18 quilómetros. Pasado o tempo, quixemos aproveitar os mesmo tramos da carreira máis longa e así marcamos un punto de saída para marcar unha distancia e así fixamos a saída en Naseiro. Agora as de 21 e 10 quilómetros transcorren no mesmo trazado da de 42 km. Tamén se ten feito algunha edición con andaina e carreiras para nenos. O obxectivo é atraer xente na prazar e así foi como se consolidou en Viveiro.

-O traxecto das competicións pode variar dun ano para o outro?

Non, ese traxecto está homologado pola Federación Española de Montaña. Non pode modificarse a distancia nin o percorrido. Se se fixese iso, habería que volver a certificar un novo percorrido estándar.

-Esta carreira pasa por zona urbana?

Sae da Praza Maior e logo ten que pasar pola ponte de Viveiro e logo hai algún punto por onde transcorren estradas rurais, máis o 80% transcorre por congostras, camiños e pistas forestais.

Eramos un grupo de amigos que faciamos carreiras  e a raíz diso foi cando comezamos a falar de crear unha competición que una os picos máis altos de Viveiro.

-Dentro das persoas que asisten, hai algún perfil maioritario entre a xente que participa?

A carreira por montaña é un deporte relativamente novo. Lembro a primeira edición con 150 persoas entre a distancia de 15 km e a de 40 km, así que nunha saíron 80 participantes e na outra 60. En 2019 reunimos entre 800 e 900 deportistas. O perfil da persoa que vai participar é diferente segundo a distancia da carreira. Na carreira de 10 km tes persoas máis novas ou que están comezando, na de 21 xa ves xente con máis preparación e na de 42 km a maioría son persoas afeitas a facer carreiras deste tipo, cun perfil determinado porque ademais da dureza tamén hai uns tempos de corte que debes pasar.

-Unha persoa que queira participar despois de levar tempo sen facer carreira, canto tempo lle levaría prepararse por exemplo para a carreira de 21 km?

Depende moito da condición física de cada quen. Se comeza de cero, recoméndolle a carreira de 10 km. Para a de 42 km debe estar xa ben preparado. Todo canto pasa de tres horas vólvese duro.

-Logo de dez anos, sentides un aumento na afección a este tipo de acontecementos deportivos tanto en Viveiro como na comarca?

Si, podo dicir que tivo un impacto moi importante. O exemplo foi pasar de 150 participantes na primeira edición a 800 ou 900 na de 2019. Logo o que veu a continuación, a Carreira de Xove, a Carreira de Mondoñedo e outras como a de Cariño e Ortigueira. Isto créache a sensación de ser a proba referente da zona.

-Na web da CAMOVI podemos ver a Ramón Blanco, un home que participou con 85 anos. Non hai límites.

Ramón é unha persoa que vén desde os inicios cando soubo da carreira pola Internet, á parte que el ten parentes aquí en Xerdiz. A primeira carreira tivo un forte impacto tamén pola presenza de Ramón. Creamos moito vínculo con el e en 2018 fixémoslle unha homenaxe.

-Describe agora a organización que está detrás da CAMOVI.

Nós organizámola desde a Agrupación Deportiva San Roque, un grupo de amigos que practica deporte e que nos gusta a natureza. Tamén hai un grupo de voluntarios que poden andar entre as 80 ou 90 persoas. Esta xente colaboran de maneira efectiva coa proba. Despois temos un grupo de pre-CAMOVI, son 15 ou 20 persoas que levamos os preparativos, sobre todo nas últimas semanas. Os pais de Adrián Ben, que correu a primeira edición porque adestraba con nós. Logo hai tres persoas traballando de maneira desinteresada durante todo o ano como Oracio Albo que leva temas relacionados coa imaxe e as RRSS que é un traballo para todo o ano. Felipe Martínez leva traballo de campo, marcaxe e deseño de percorrido. Eu levo o tema de permisos, documentación e promotores, relacións coas admnistracións e patrocinadores.

-Como organizades a atención médica en caso de lesións, golpes de calor e outras incidencias?

Temos unha ambulancia medicalizada, con servizos sanitarios, tamén aproveito para mencionar ao médico que estivo desde a primeira edición, Eduardo Guisasola que é para nós o médico oficial da carreira. Tamén iremos ampliando os servizos sanitarios a medida que avancen as tempadas.

-Gustariavos ampliar o percorrido actual?

Barallamos facer un ultra, mais agora centrámonos en dar a coñecer a CAMOVI en ámbitos internacionais e consolidar a participación.

organizamos a camovi desde a Agrupación Deportiva San Roque

-Polo que observas na CAMOVI, estase creando unha canteira de corredores e corredoras de montaña en Viveiro e en Galicia?

En Galicia hai un déficit neste deporte pero hai outras autonomías que empurran o deporte entre os máis novos. Mais iso ten que ser un traballo das federacións creando circuítos máis apropiados para a xente nova. Cataluña, Cantabria ou País Vasco están facendo un traballo moi bo coa base.

-A CAMOVI animará aos pais e nais para que os nenos e nenas practiquen este tipo de deporte?

O atltetismo é diferente porque necesita instalacións. Logo noutros lugares como os que mencionei antes quizais é porque teñen un maior arraigo co monte. Non é algo que consigamos dun ano para outro. O atletismo é investimento e resultados. Investimentos en instalacións e seguramente teñas deportistas preparados nuns anos.

-Tedes preparado algo especial para esta edición?

Si, temos un tramo especial cronometrado e patrocinado por Vestas. É unha homenaxe a dúas persoas moi vinculadas á carreira que ademais eran desta zona que faleceron e queremos facerlles algo distinto ao minuto de silencio, facelo dunha maneira alegre.

-Que medidas tedes para evitar o contaxio por COVID?

Temos o protocolo aprobado pola Secretaría Xeral para o Deporte e a Consellería de Sanidade, que é o protocolo da Federación e adaptado por nós. Entre as medidas está reducir o número de participantes, saídas escalonadas e a obrigatoriedade de máscara en moitas zonas. Esperamos que os corredores e corredoras sexan responsables e deben presentar unha declaración de que non tiveron contacto con ningunha persoa COVID nin sítomas nin outros contratempos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...