Os traballadores de Vestas volven cortar os accesos á fábrica

Ábrense a levar as mobilizacións á sede da multinacional en Madrid.

Vestas, manifestación en Viveiro

Os traballadores de Vestas volveron a cortar este mércores a LU-161, a estrada de acceso á fábrica de Chavín, en Viveiro, nunha nova xornada de protestas a dous días de que este venres, 5 de novembro, finalice o período de consultas do ERE extintivo. Así mesmo, o comité está disposto a trasladar as protestas ante a central da multinacional danesa en Madrid se finalmente non se prorroga o prazo do ERE extintivo, que afectaría á totalidade dos 115 traballadores da planta da Mariña.

“Entendemos que se o prazo acaba o venres, temos claro que imos loitar por outras vías”, deixou claro o presidente do comité de empresa, David Mariño. “Sabemos que a nosa causa é xusta, pero tamén entendemos que debería de haber un cambio de actitude por Vestas e debería de entender que hai unha serie de medidas en marcha que están destinadas a salvar os postos de traballo e que debería de facilitar esas medidas”, advertiu.

Mariño remarcou que “o mínimo”, por parte da multinacional, “sería empezar a falar dun prazo máis razoable e non cortar as posibilidades de golpe” para “a procura de investidores”. Por iso, esixe que se alongue o prazo de negociación do ERE e que “se marquen prazos razoables”. “Somos positivos e pode ser que razoen, visto que as cousas non van como eles queren que vaian”, explica. “Toda esta forza vale de algo”, valora.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here