Gojira regresa ao Resurrection Fest para encabezar o cartel do sábado

Os franceses substitúen os estadounidenses, que caen do festival ao cancelar a súa xira europea en 2022 para gravar novo álbum.

Gojira. AXM

Os franceses Gojira regresarán este verán a Viveiro para encabezar a xornada do sábado do Resurrection Fest en substitución de Avenged Sevenfold, que cae do cartel tras a cancelación da súa xira europea para 2022. A organización do festival, que volve ao seu formato habitual despois de dous anos de parón pola pandemia, anunciou este mércores os axustes no cartel definitivo da súa edición número 15, que se celebrará do 29 de xuño e o 3 de xullo na localidade mariñá.

Caen os estadounidenses Avenged Sevenfold, que cancelaron a súa xira europea para centrarse na gravación do seu novo disco. O seu lugar ocúpano uns vellos coñecidos do festival, os franceses Gojira, que regresan a Viveiro tras a súa actuación no ano 2019. Farano co “maior concerto que xamais fixeron en España”, segundo resalta a organización do Resurrection Fest, que incide en que a banda de death metal levará a Viveiro “unha produción xigante” que marcará un ante e un despois na súa carreira.

Ademais, os tamén estadounidenses Torche tampouco visitarán o festival. O seu lugar no Desert Stage ocuparano os belgas Wiegedood, mentres que The Broken Lingerie –separadas desde hai un tempo– serán substituídas por Grippers. Os abonos para os tres días do festival están esgotados desde hai un ano, aínda que aínda están dispoñibles algunhas entradas diarias, ademais de para a festa de presentación.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here