Intercambio de libros en Viveiro, unha proposta do Grupo de Participación Xuvenil

A proposta está impulsada pola concellería de Benestar Social en colaboración coa concellería de Cultura.


O Concello de Viveiro informa que na derradeira reunión do Grupo de Participación Xuvenil comezou a artellarse a iniciativa de intercambio de libros “Colle unha historia e deixa outra”, con vistas á celebración do día do libro o próximo 23 de abril. A proposta está impulsada pola concellería de Benestar Social en colaboración coa concellería de Cultura.

Deste modo, o Grupo de Participación Xuvenil de Viveiro deixará unhas caixas decoradas por eles mesmos con libros en diversos puntos da vila dende o próximo luns, 18 de abril.

“O obxectivo da iniciativa é que a xente descubra libros e lea xéneros que non está acostumada a ler”, sinala a concelleira de Benestar Social, Victoria Baamonde. Así, a cidadanía poderá levar un libro das caixas e deixar outro nelas, procedendo a intercambio e desfrutando das lecturas.

Con esta actividade, o Grupo de Participación Xuvenil, impulsado pola concellería de Benestar Social, reivindica a lectura como unha ferramental social e cultural accesible para todos e todas. “Agradecemos a implicación deste grupo de mozos e mozas na actividade cultural da nosa vila”, celebra a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.

A próxima reunión do Grupo de Participación Xuvenil de Viveiro será o mércores 11 de maio ás 16:30, na Sala Multiusos do Concello, para adolescentes entre 12 e 18 anos. O Concello de Viveiro ten previsto anunciar proximamente outras iniciativas que completen o programa do Día do Libro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here