A Rede Europea de Celebracións de Semana Santa, que inclúe Viveiro, candidata a Itinerario Cultural Europeo

“A certificación como ‘Itinerario Cultural do Consello de Europa’ suporá unha garantía de excelencia para a nosa Semana Santa e a súa promoción internacional”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

Semana Santa de Viveiro. VIVEIRO TURISMO

A Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua, da que forma parte o Concello de Viveiro, presentou ante o Consello de Europa a súa candidatura como Itinerario Cultural Europeo.

A exposición tivo lugar en Luxemburgo tras un intenso traballo desenvolvido durante os últimos tres anos. Nas próximas semanas coñecerase a resolución que, de ser positiva, permitirá á Rede posicionarse como un atractivo cultural de recoñecido valor en toda Europa.

“A certificación como ‘Itinerario Cultural do Consello de Europa’ suporá unha garantía de excelencia para a nosa Semana Santa e a súa promoción internacional”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

Lanzados polo Consello de Europa en 1987, os Itinerarios Culturais Europeos son unha invitación para viaxar e descubrir o rico e diverso patrimonio de Europa unindo a persoas e lugares en redes de historia e patrimonio compartidos. Poñen en práctica os valores do Consello de Europa: dereitos humanos, diversidade cultural, diálogo intercultural e intercambios mutuos a través das fronteiras.

Máis de 30 itinerarios culturais do Consello de Europa ofrecen unha gran cantidade de actividades de lecer e educación para todos os cidadáns, sendo recursos crave para o turismo responsable e o desenvolvemento sostible. Abarcan unha ampla gama de temas, desde a arquitectura, a paisaxe, as influencias relixiosas, a gastronomía, o patrimonio inmaterial, as principais figuras da arte, a música e a literatura europea.

A Rede Europea de celebracións de Semana Santa e Pascua creouse en 2019 para promocionar e difundir o patrimonio cultural, tanto material como inmaterial, relacionado coas celebracións da Semana Santa e Pascua.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here