María Loureiro defende o programa ‘Descubre Viveiro’ ante as críticas do BNG

A alcaldesa María Loureiro defende nun texto a iniciativa "Descubre Viveiro' ante a postura do BNG de que o goberno local viveirense "segue a moda segundo cada momento". O 4 de maio o BNG lanzaba a web viveiroenruta.com, ante o que consideraban falta de políticas no terreo da promoción do concello. Un mes máis tarde nacía "Descubre Viveiro" coa particpación do Concello e unha empresa de comunicación para o uso das redes sociais coa intención de publicitar Viveiro na web.

Viveiro. CONCELLO DE VIVEIRO

Quero como alcaldesa do Concello de Viveiro aclarar determinados aspectos arredor do programa ‘Descubre Viveiro’.

Como ben saben os nosos veciños e veciñas, o Concello de Viveiro presentou a pasada semana este novo programa de promoción turística. Como se explicou no seu momento, trátase dun proxecto impulsado pola Concellaría de Turismo e no que se ven traballando desde hai máis de dous anos.

‘Descubre Viveiro’ é un proxecto amplo e ambicioso, que xa estaba incluído no noso programa electoral e que non se puido presentar ata agora por mor das circunstancias vividas. Sufrimos unha pandemia mundial, que obrigou a modificar a programación de goberno que tiñamos prevista e a traballar cos sectores máis afectados pola pandemia.

Véxome na obriga de aclarar esta cuestión, deixar claro que ás veces os proxectos tardan máis do previsto, pero non se improvisan. O goberno municipal non actúa segundo a moda que haxa en cada momento, como fai a concelleira do BNG.

Evidentemente, nós non utilizamos politicamente o noso traballo; somos o grupo de goberno e debemos facer as cousas ben e con responsabilidade. ‘Descubre Viveiro’ nada ten que ver coa páxina web de rutas creada polo BNG de Viveiro, con rutas sacadas de wikiloc e que, nalgúns casos, incluso pasan por sendeiros privados.

Nós traballamos con responsabilidade; a política municipal xa está inventada e trátase dun traballo de fondo. Nós estamos abertos a traballar con todos os grupos políticos, pero o que non vamos a permitir é que se engane, se manipule e se utilicen temas municipais con intereses políticos.

Lamentamos que a política do BNG en Viveiro sexa igual á que está realizando o Partido Popular, cuestión que nos estraña tendo en conta que o PSOE goberna co BNG nalgunhas institucións mantendo unha boa relación de traballo. Considero que é unha forma de facer política que non beneficia aos veciños e veciñas de Viveiro.

 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here