Demetrio Salgueiro, alcalde de Xove: “Estamos sometidos a unha especie de castigo desde a Deputación”

Demetrio Salgueiro, ten nestes momentos unha fronte aberta no seu concello coa situación de Alcoa e os postos de traballo que dependen da factoría. Non obstante, o alcalde xovense cre que outra fronte aberta é o "castigo" que di sufrir o Concello por parte da Deputación en canto infraestruturas. Falamos longo sobre a situación do municipio e do futuro que se presenta a medio e curto prazo.

Demetrio Salgueiro, alcalde de Xove. AXM

-Como viviron en Xove todo o ano de pandemia?

O traballo administrativo municipal continuou cun ritmo normal, sobre todo os traballos de exterior, sobre todo facer arranxos en edificios públicos que, como non se podían utilizar, permitiu traballar con celeridade. Fixemos arranxos no salón de actos municipal co Obradoiro de Emprego, cambiamos e insonorizamos a cuberta do pabellón de deportes e obras interiores noutros edificios. Logo fixéronse arranxos en vías municipais. En definitiva non se notou o traballo exterior, si se deixou sentir en servizos de atención ao público, con límites debido á COVID e cando foi necesario, tivemos que pechalos temporalmente. Houbo empregados que traballaron telematicamente. A finais do ano pasado xa comezamos a recuperar certa normalidade mais tendo en conta as limitacións de aforo. Estes días traballamos de maneira intensa para ter as praias preparadas para o verán. As actividades de conciliación tamén se farán con normalidade, temos un grupo de nenos apuntados xa para estes traballos no verán. Tivemos problemas de atrasos pola pandemia, como tarefas de desbroce pero cos reforzos de contratación, esperamos ter todo preparado no seu momento.

-E desde a súa posición de alcalde, como lle afectou vivir a COVID?

Pois como alcalde a nivel anímico polas mesmas limitacións no traballo, non me afectou. O traballo foi máis intenso, creo eu, pois había novas formas de organización e comunicación que debiamos realizar, sobre todo na organización de persoal. Persoalmente vin traballar todos os días de maneira normal, tratei de estar presente na Casa do Concello para calquera problema que puidese xurdir asociado ao virus ou doutro tipo.

-Cal é a valoración que fai sobre as vías de comunicación terrestre Xove para conectarse co resto da provincia?

Desde Barreiros até O Castelo é de titularidade estatal, e nesa área proxectárase unha autovía e este traballo leva acumulado anos de atraso. Esa vía é moi importante para a mellora das comunicacións coa Mariña e co resto da provincia. É imprescindible polos dous portos importantes desta comarca, o de Burela e o de Celeiro, mesmo para toda a madeira da zona e para a veciñanza, pois a día de hoxe a Mariña esta illada debido ao atraso de autovía. Sabemos que houbo un recorte importante para a primeira fase do proxecto que estaba case a punto de comezar, o tramo de Foz. Por iso pedimos ao Goberno que inicie as obras inmediatamente pensando na factoría de Alcoa, a empresa máis grande da provincia de Lugo. Sobre a vía rápida até Ferrol, que é competencia da Xunta, tentouse impulsar no seu momento, o tramo de Xove leva anos feito, mais non ten sentido se non está conectado coa vía competencia do Estado e tampouco o ten se non se desbloquea a variante de Viveiro. Por iso cremos necesario que Xunta de Galicia e Concello de Viveiro se poñan de acordo no trazado da variante que é un atranco para o desprazamento mesmo no verán, á parte da importancia para conectar coa Gañidoira e conectar así con Lugo.

-E as vías internas?

Dentro da comunicación interna, hai anos que vemos un continuo deterioro do FEVE, sería necesario que por parte do Estado ofrecer un servizo de calidade e garantías, tanto en hoarios como frecuencias. Todo para que deixe de ser un servizo terciario ou secundario. Mellorando eses puntos e transformándoo nun transporte de mercadorías, sería importante para a Mariña. Sobre as vías dentro do Concello temos viais competencia municipal e provincial. Sobre as municipais fixéronse melloras no trazado, no piso das mesmas e en pouco tempo toda a rede municipal estará rematada e logo quedaría a rede terciario. As vías de competencia provincial están desde hai anos nun abandono importante. Estamos sometidos a unha especie de castigo por parte da Deputación de Lugo. Ofrecín en varias ocasións un acordo para un arranxo integral onde o Concello de Xove aportaría o 50% do custe de reparación. Seriamos o único concello de Lugo que ofreceu este acordo á deputación. A día de hoxe non temos ningunha resposta. Si había asinado un protocolo co anterior presidente da Deputación mais tanto BNG como PSOE, que goberna a Deputación, foron quen de anulalo. Era un acordo onde se arranxarían todas as estradas en Xove asumindo o Concello parte do custe. Era un acordo beneficioso para ambas partes. Seguimos tentando que a Deputación recapacite e ofreza unha solución, pois a día de hoxe non podemos arranxalas con fondos propios porque as estradas non son do Concello e non podemos investir nalgo que non é competencia nosa e a Deputación non inviste nas súas competencias. Pedimos xa unha solución para unhas vías que unen Xove con Viveiro pola Rigueira, onde vemos que a parte de Viveiro está en aglomerado desde hai anos e a de Xove non. Penso que isto é por cuestións políticas mais quero lembrar que polos viais circulan xente de todos os partidos. Seguimos tendendo a man á Deputación mentres vemos que noutros concellos se fan arranxos e aquí non, só pequenos arranxos de recheo.

Cremos necesario que Xunta de Galicia e Concello de Viveiro se poñan de acordo no trazado da variante viveirense que é un atranco para o desprazamento

-Que lle dixeron desde a Deputación para non reparar estas vías?

O que me din é nada. Sei que o PP, a iniciativa do Concello de Xove, presentou unha moción na Deputación para o arranxo das estradas e seguir adiante co acordo antes mencionado, e tanto BNG e PSOE votaron en contra. Levo pedido máis de dez veces reunirme co presidente da Deputación e non fun recibido nin teño resposta á petición. Si é certo que a deputada de Relacións Institucionais me recibiu, mais sen ofrecer solucións, dicindo que se estudaría. A primeira reunión foi hai un ano e a última hai un mes aproximadamente. Paréceme increible cando nós estamos dispostos a poñer o 50% dos custes de reparación nunhas vías que non son competencia nosa. Esas estradas son un perigo tanto para vehículos como persoas usuarias polo estado de abandono.

Estamos sometidos a unha especie de castigo por parte da Deputación de Lugo. Ofrecín en varias ocasións un acordo para un arranxo integral onde o Concello de Xove aportaría o 50% do custe de reparación.

-Antes falaba de preparar as praias de cara o verán, mais non só hai turismo de praia senón tamén de casas rurais. Estas iniciativas están axudando ao asentamento de xente nova no rural?

Estamos notando unha revitalización no rural e para apoiar iso fixemos moitas obras e melloras para facelo máis atractivo. Isto significa investir en vías de comunicación, crear programas de rehabilitación como o que temos para restaurar antigas fontes e tamén crear máis zonas verdes para engadir moito máis atractivo ao rural. Logo fomos vendo o aumento das vivendas turísticas no Concello, pois Xove ten os seus atractivos por estar fóra do boom urbanístico que afeou moitas zonas do litoral, mais aquí temos áreas de costa ben conservadas. Así o vai vendo a xente que nos visita se vai incrementando ano tras ano. Todos os que deixan a súa opinión é positiva, sobre todo nas redes sociais e isto vainos axudar a colocarnos no mapa turístico da Mariña. Por tanto, temos un potencial nese turismo de natureza e aí entran as rutas de interior como o Camiño do Mar, dúas iniciativas que actúan como polo de atracción.

-Cal é o peso do sector primario na economía local actualmente?

A realidade do sector forestal en Xove é moi importante pois moitas familias teñen un segundo ingreso coa plantación de eucalipto. Estamos aplicando a lei sobre incendios forestais para a protección de nucleos habitados mediante a corta arredor deses núcleos. Con todo, a importancia do sector forestal insisto que supón unha fonte de ingresos para familias que en momentos difíciles axudan á economía familiar. Iso si, procuramos que as áreas de monte estean o máis limpas posible. Sobre a pesca a día de hoxe quedan poucas empresas que vivan do mar, aínda que o sector foi perdendo peso. Contamos iso si, con dous portos, Morás e Portocelo. En Morás, onde están a maioría dos pescadores ten a súa importancia por ser zona de abrigo mesmo para lanchas que non son de Xove. A agricultura pode dicirse residual, con hortas para a economía familiar. A gandería de carne moita importancia que se foi profesionalizando e con explotacións máis grandes e que crean emprego.

Estamos notando unha revitalización no rural e para apoiar iso fixemos moitas obras e melloras para facelo máis atractivo

-Se abordamos o sector industrial obviamente temos que falar de Alcoa. Primeiro como alcalde e logo como veciño, como vive a situación da factoría?

Alcoa é esencial para Xove porque representa o 70% dos ingresos do Concello, Alcoa supón a supervivencia deste municipio como tal. Sería imposible manter a cantidade e calidade de servizos que temos sen os ingresos xerados pola planta de aluminio en concepto de IAE. A maior parte da poboación de aquí depende directa ou indirectamente de Alcoa. Un grupo moi importante de traballadores da fábrica son de aquí, tanto na factoría como nas auxiliares. Por todo isto vivo a situación con preocupación. Desde o primeiro momento estamos apoiando ao comité de empresa, con reunións coa Consellería de Industria tratando o tema de venda da factoría con seis entidades interesadas na compra. Temos que pedirlle ao Goberno central, á SEPI, unha vez que se comprometeu o ano pasado a intermediar para que a negociación de venda chegue a bo porto, mantendo todos os postos de traballo.

-Dedúcese que vostede garda un certo optimismo sobre o futuro desta factoría.

Si, son máis optimista que hai uns meses porque para min sería incomprensible e intolerable que cando hai interese por parte de varias empresas para comprar a planta de aluminio mantendo os postos de traballo, que isto non chegase a bo porto. Porque non estamos falando dunha empresa en declive, senón que a produción de aluminio vai a máis, o aluminio é o metal do futuro. Esta é a única fábrica de aluminio primario que queda en España. Sería incomprensible que España como país, renunciase á última planta dun metal estratéxico para o país. Son moderadamente optimista e non entendería que non se apostase polo futuro da planta de aluminio.

Desde o primeiro momento estamos apoiando ao comité de empresa de Alcoa, con reunións coa Consellería de Industria tratando o tema de venda da factoría con seis entidades interesadas na compra

-Estase fomentando a instalación de novas empresas nos polígonos de Camba e de Morás?

O polígono de Camba ten importancia por ser estar nun punto estratéxico. Non o digo eu senón as mesmas empresas. Está cerca dun polo industrial como é Alcoa e cerca da rede viaria do corredor de Xove. Algunhas parcelas están sen construír por iso pedimos aos propietarios que se non contrúen pois permitan a outros construír neses espazos. Tamén é certo que tiñamos unha situación industrial complicada que viña de atrás e coa COVID foi a máis. Aínda así, a cousa vai mellorando polo que entendo das reunións que manteño con empresarios do polígono. Por iso estamos xa estudando unha terceira ampliación do polígono. Hai dúas semanas tiven unha reunión con Xestur e co IGV para tratar de impulsar esa terceira fase que esperemos vexa a luz en breve.

-Cal é o proxecto que lle gustaría ver finalizado antes do final de lexislatura?

Hai tres cousas fundamentais. A ampliacion do polígono industrial, mesmo había un protocolo de colaboración con Xestur que a COVID paralizou. Esa ampliación podería traer a implantación dun centro comercial de importancia. Ese sería un dos proxectos que me gustaría ver finalizado. Outro punto polo que levo pelexando é a creación do porto deportivo de Morás, mesmo se fixo unha presentación. Desde Costas en Madrid, non dan transferido a Portos de Galicia para facer a obra, que mesmo Costas pediu modificacións a Portos de Galicia e foron feitas e aínda non temos o visto e prace de Madrid. É algo importante tanto para os pescadores e pesca deportiva porque sería un porto de abrigo moi importante. O terceiro, non o menos importante, as estradas da Deputación, seguirei pelexando, seguirei insistindo para que nos dean unha solución e se non se dá en curto prazo, comprometinme cos veciños e se non se fai, non me queda máis remedio que pedir a transferencia da rede provincial de estradas en Xove, asumilas integramente. É a única solución que lle vexo, aínda que a longo prazo supoña un maior custe para o Concello. Os veciños teñen dereito a uns bos accesos ás súas vivendas. Creo que estamos inxustificadamente castigados, teño que facer o posible por arranxalo. Se por sorte se dá un cambio no goberno provincial que sexa máis comprensivo e nos permita ter isto solucionado. A Deputación é o Concello dos concellos e ten que atender a todos por igual.

1 COMMENT

  1. Pois entón, ante a incapacidade do Goberno municipal na xestión pública, debería dimitir o alcalde e o seu equipo. Todo sexa polo ben de Xove.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here