InicioOccidentalXoveXove prepara unha publicación sobre todos os xacementos arqueolóxicos da contorna municipal

Xove prepara unha publicación sobre todos os xacementos arqueolóxicos da contorna municipal

O Concello de Xove presentará nas vindeiras semanas esta atractiva publicación, coa que pretende fomentar o coñecemento da súa cultura patrimonial e o aprecio pola mesma que adoita derivar del. Achegar o patrimonio á xente, é a mellor forma de favorecer a preocupación pola súa conservación.

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Xove quere poñer en valor todo o patrimonio arqueolóxico descuberto até o momento coa publicación dun documento sobre as diferentes descrubertas. Desde o Concello sinalan que “dada a gran importancia dos últimos achados arqueolóxicos do municipio de Xove: círculo lítico de Lavandeiras (o máis grande de España), mámoa de Guilán, (a maior da comarca), e os relevantes resultados da primeira fase da escavación no castro de San Tirso, o Concello de Xove segue a consolidar a aposta por valorizar o seu patrimonio arqueolóxico”.

A segunda fase da escavación do castro de San Tirso, proxectada para este ano 2022; a adquisición das ruínas da antiga capela e a próxima restauración que o Municipio vai acometer neste xacemento, son só algúns exemplos desa aposta do Concello de Xove polo valor histórico das súas paisaxes. Todo isto permitirá desenvolver unha oferta cultural única e de calidade que resultará atractiva para un turismo desestacionalizado e interesado neste aspecto. Por este motivo, o Concello de Xove vén de revisar os xacementos arqueolóxicos catalogados no seu territorio.

O traballo dos arqueólogos de NOSO Cooperativa consistiu nunha primeira fase de revisión das informacións documentais e recollida de información. Unha vez recompilada a levouse a cabo un traballo de revisión in situ dos xacementos coñecidos co obxecto de localizalos correctamente, rexistrar a información relevante sobre os mesmos para a súa identificación, descrición e avaliación do estado de conservación, e documentalos fotograficamente.

A información sistematizouse nunha serie de fichas de catalogación que inclúen os datos de todos os bens, a súa delimitación cartográfica, así como un glosario catastral de cada un deles. Coa finalidade de achegar este traballo ao público xeral, os arqueólogos redactaron unha obra de carácter didáctico, ilustrada, para que calquera persoa, dende os maiores ata os máis novos, poda comprender e situar historicamente os vestixios máis significativos do patrimonio arqueolóxico do municipio.

O Concello de Xove presentará nas vindeiras semanas esta atractiva publicación, coa que pretende fomentar o coñecemento da súa cultura patrimonial e o aprecio pola mesma que adoita derivar del. Achegar o patrimonio á xente, é a mellor forma de favorecer a preocupación pola súa conservación.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...