Xove quere mandar un camión cargado de axuda solidaria a Ucraína

O Concello impulsa unha campaña solidaria para enviar roupa, alimentos e outros produtos a este país.

Axuda a Ucraína / GC

O Concello de Xove  traballa nunha “campaña solidaria” con Ucraína para o envío de material como roupa, alimentos e outros produtos a este país, unha iniciativa que realiza en colaboración cunha asociación da Coruña.

O alcalde desta localidade, Demetrio Salgueiro, destacou “a boa participación” e “acollida” que ten a idea entre os veciños deste municipio mariñán. O prazo abriuse o pasado 9 de maio e péchase o 6 de xuño. A recollida concéntrase na oficina de información xuvenil e nos supermercados do concello.

Salgueiro precisou que se trata “da recollida de produtos de hixiene, roupa para nenos e alimentos non perecedoiros”, que, explicou, é o que lles indican “que máis se necesita” no país invadido por Rusia.

“Está habendo unha boa participación por parte da poboación. A nosa idea é fretar un transporte para enviar un camión (con esta axuda humanitaria) completo A Coruña e desde A Coruña vai para Ucraína”, subliñou.

Demetrio Salgueiro celebrou que a campaña teña “unha resposta moi boa” por parte dos veciños de Xove. “Estamos a darlle difusión a través das redes sociais e de carteis. Esperamos que estes días se incremente aínda máis a intensidade das axudas”, concluíu o alcalde de Xove.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here