O Concello de Ribadeo prolongará o paseo das Aceas

O sendeiro, distinguido con bandeira azul, seguirá ata a vía do tren mineiro de Vilaoudriz

Fernando Suárez Barcia. FARO NORTE

Concello de Ribadeo prolongará o paseo das Aceas, distinguido con bandeira azul. A corporación municipal aprobou por unanimidade no pleno ordinario a expropiación forzosa de parcelas para dar continuidade ao sendeiro, que na actualidade chega ata os muíños de mareas das Aceas e que seguirá ata a vía do antigo tren mineiro de Vilaoudriz.

Para facelo expropiarase unha masa arbórea de arredor dun quilómetro de lonxitude -33 fincas- para substituír especies coma o eucalipto por vexetacións autóctonas de ribeira e prolongar o paseo. Esta actuación contará con 44.000 euros de fondos europeos, a través do programa Life

acordouse tamén a expropiación de parcelas para un novo depósito de auga en santa cruz

No pleno comprometeuse tamén a expropiación forzosa dunha serie parcelas -uns 7.000 metros cadrados- no Chao de Ove para construír no futuro un novo depósito de auga en Santa Cruz, pois o actual, segundo o alcalde, Fernando Suárez Barcia, “non se adapta ás necesidades do Ribadeo do século XXI”. 

AVENIDA RÍA DE RIBADEO

Por outra banda, o goberno local sacou a licitación as obras de acondicionamento e urbanización da avenida Ría de Ribadeo. As actuacións terán un custo total de 512.000 euros, dos que a Deputación Provincial de Lugo achegará 380.000. As empresas terán trece días de prazo para presentar as súas ofertas. 

O alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia, salientou que “con estas obras de mellora e de humanización dotaremos da seguridade necesaria aos peóns desta longa avenida, que foi pensada sobre todo para o paso de vehículos rodados, pero hoxe cada vez ten máis viandantes, debido aos talleres, tendas e centros comerciais”.

O rexedor explicou que “as obras abranguen máis dun quilómetro e consistirán na dotación de beirrarúas, construción de pasos de peón elevados, na canalización soterrada das torres de media tensión e na substitución das luminarias por outras led”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here